A Xunta ten abandonado o investimento en seguridade viaria

A Xunta ten abandonado o investimento en seguridade viaria

A Xunta ten abandonado o investimento en seguridade viaria

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, acusou hoxe á Xunta de “vivir nunha burbulla de indiferenza” ao abandonar o investimento en seguridade viaria. Na comparecencia do conselleiro de Infraestruturas no Parlamento, o deputado socialista sinalou que o goberno de Feijóo recortou o investimento en conservación de estradas nun 40 por cento dende 2009.

 

O parlamentario socialista dixo que esta xestión catastrófica fai de Galicia a Comunidade Autónoma con mais quilómetros negros nas súas estradas en 2012. Os galegos teñen que circular así por un total de 73 quilómetros negros, o 22 por cento dos 337 detectados en todo o Estado, e mesmo posúen 3 dos 10 tramos con maior risco de accidentes de toda España.

 

Esta é a consecuencia, dixo, de que o goberno de Feijóo reducira os orzamentos para conservación de estradas nun 40 por cento dende 2009, pasando de destinar 490 millóns de euros en 2009 aos 244 deste ano 2013. Ademais, engadiu, a Xunta “non pode amosarse satisfeita” duns orzamentos que nin sequera executa, xa que os 2.341 millóns previstos polo plan Move, que tamén inclúe seguridade, só foron executados 610.

 

Fernández reprochoulle ao goberno galego o “triunfalismo” amosado nesta materia cando queda “moito por facer” mentres os usuarios da rede viaria atópanse cunha “sensación de abandono por parte de quen se limita a parchear” as estradas. Dixo que os condutores e peóns galegos “teñen que vivir nun risco permanente de accidentalidade” e “conviven cunha manifesta inseguridade viaria”.

 

Comisión

 

O parlamentario socialista amosou a “plena dispoñibilidade” dos socialistas galegos a participar da Comisión de Seguridade Viaria, logo da invitación do conselleiro de Infraestruturas, para avanzar na mellora da seguridade das estradas de Galicia. Criticou sen embargo que a comparecencia de hoxe se teña producido “con trampa”, sen entregarlle aos deputados a Memoria de Seguridade Viaria, publicada logo da comparecencia.

 

Lamentou ademais o desleixo do goberno galego, que permanece “ausente dos problemas dos galegos que ten a obriga de solucionar” en materia de comunicacións, como é o transporte público de viaxeiros por estrada, ferroviario, marítimo, aéreo ou metropolitano, así como a xestión de novas infraestruturas e conservación das construídas, vivendas de protección oficial, urbanismo ou ordenación do territorio.

 

Lembrou que o conselleiro renunciou a comparecer no Parlamento para dar conta do expolio do tren tradicional polo Ministerio de Fomento, pola eliminación do ferrocarril rural, a ralentización de paralización do AVE en Galicia, a indefinición do Goberno sobre a entrada do AVE en Ourense, a caída de usuarios das autovías e autoestradas, dos aeroportos “nin para explicar qué están a facer con relación ao accidente de Angrois”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar