A Xunta retrasa o pago de axudas da PAC aos gandeiros galegos

A Xunta retrasa o pago de axudas da PAC aos gandeiros galegos

A Xunta retrasa o pago de axudas da PAC aos gandeiros galegos

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, esixiulle hoxe ao goberno galego que realice o pago inmediato das axudas da PAC que lle corresponden aos gandeiros galegos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre o retraso dos pagos destas axudas ao mes de maio.

O deputado socialista lembrou o compromiso formal acadado polo goberno galego e polo propio presidente da Xunta no último Debate do Estado da Autonomía, onde se comprometera a anticipar ao mes de novembro o pago de 65 millóns de euros en axudas. Advertiu que, lonxe de cumprir co seu compromiso, o goberno galego tan só entregou parte das axudas e adiou o resto “mais que nunca”, ata o mes de maio.

Pablo García criticou que o presidente da Xunta “unha vez máis presenta anuncios que resultan ser fume e propaganda preelectoral, e de novo, unha vez pasan os comicios, volvemos descubrir que se trataba dunha nova mentira”.

Lamentou que o goberno galego “estea a xogar cos agricultores galegos que viven a peor crise da súa historia, e que ven que en lugar de axilizar ao máximo o seu apoio, Feijóo prefire mentir e frear as axudas”.

Cunicultura

Pablo García presentou ademais unha pregunta sobre o retraso do goberno tamén nas axudas comprometidas co sector da cunicultura, onde “a día de hoxe só se puxo en marcha o aprazamento dos préstamos pendentes coa administración, unha medida residual que en ningún caso resolve a forte crise que viven os produtores de coello”.

Sinalou que a xestión do goberno galego “a mensaxe que ofrece aos produtores é que non hai solución” ao comprometer axudas que non chegan, moi lonxe doutras comunidades autónomas do Estado que “hai meses que teñen aprobado axudas de minimis ata os 15.000 euros por explotación”.

Pablo García explicou que Galicia ten hoxe con 282 explotacións de coellos, das pouco máis de 3.000 de todo o Estado, unha porcentaxe relevante para un sector que padece unha importante crise de prezos, cobrando 1,49 euros por quilo dunha carne que custa producila 1,85 euros.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar