A Xunta reduce á metade as axudas de pobreza enerxética mentres duplica o número de beneficiarios

A Xunta reduce á metade as axudas de pobreza enerxética mentres duplica o número de beneficiarios

A Xunta reduce á metade as axudas de pobreza enerxética mentres duplica o número de beneficiarios

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo hoxe que a Xunta reduciu nun 40 por cento as axudas por pobreza enerxética no orzamento de 2017 mentres duplica o número de posibles beneficiarios. Así o dixo no debate dunha pregunta en Comisión na que criticou unhas axudas “mal enfocadas, mal concibidas” e que non chegan a quen as necesita.

O responsable socialista criticou que mentres en 2016 o goberno galego destinou 2,7 millóns de euros para unha poboación – diana de 7.000 persoas, a pesares de que hai 35.000 fogares sen ingresos, para 2017 reduciu a 1,2 millóns as partidas para o tique eléctrico que supostamente deberan beneficiar a 13.748 persoas.

Alertou de que “están facendo mal” a posta en marcha destas medidas, cun sistema “complexo” e ademais “desconectado da estrutura de axuda ás familias con dificultades” e fai moi complicado que as persoas que o necesitan poidan facer as solicitudes. Considera “esperpéntico” que por exemplo obriguen a facer as peticións por vía informática a uns fogares que non dispoñen de enerxía eléctrica e a unhas persoas sen formación.

Losada lamentou que o goberno galego teña “presumido” dunha “estratexia extremadamente pouco ambiciosa” ao conceder un total de 5.995 tiques eléctricos durante tres anos, ademais de evitar cortes de luz a 1.000 familias, cando Galicia ten un total de 37.000 fogares sen ingresos e 10.000 infravivendas.

Sinalou que mentres Feijóo viaxa a Madrid para “sacar peito” do cumprimento dos obxectivos de déficit, os fogares sen ingresos continúan a medrar en Galicia un 13,1 por cento, nunha tendencia inversa ao resto do Estado, onde xa diminúen un 12,6 por cento. Explicou que Galicia non albisca a día de hoxe ningún tipo de mellora no número de fogares sen ingresos, que no conxunto do Estado levan diminuíndo dende 2013.

Cláusulas chan

Losada reclamoulle ademais ao Instituto Galego de Consumo un estudo pormenorizado dos afectados e do impacto do proceso de devolución das cláusulas chan aplicadas pola banca ás hipotecas e declaradas abusivas pola xustiza europea. Así o dixo no debate dunha pregunta en Comisión parlamentaria no que demandou “proactividade” da administración en defensa dos afectados.

O responsable socialista solicitoulle á directora xeral do IGC un balance do proceso de devolución das cláusulas cando teñan transcorrido seis meses da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE e do Decreto do goberno central abrindo a porta ao proceso negociado coas entidades. Sinalou a enorme disparidade estimada entre o número de afectados, que oscilan entre 50.000 e 200.000, e reclamou “datos fiables” sobre o impacto do proceso.

En calquera caso, puntualizou, o impacto sobre Abanca, a sucesora de NGB, será menor grazas ao proceso de venda expréss a Banesco “non explicado e aínda misterioso”, que entre as súas cláusulas incluía que o FROB asumiría ata 200 millóns de euros das devolucións.

A entidade, que logo dun proceso de rescate que supuxo 10.000 millóns de euros das arcas públicas, que lle custou 1.000 aos novos compradores e que nos tres primeiros trimestres de 2016 deu uns beneficios de 270 millóns de euros, apenas asumirá 30 millóns de euros das devolucións en concepto destas cláusulas abusivas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar