A Xunta quere "meter no armario" a Lei de Igualdade de LGTBI

A Xunta quere “meter no armario” a Lei de Igualdade de LGTBI

Bandeira LGTBA portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, esixiulle hoxe ao goberno galego que “non armarice” tamén á Lei de Igualdade e non Discriminación de LGTBI. A responsable socialista interveu na presentación do informe sobre a situación de persoas LGTBI pola Valedora do Pobo para censurar a conxelación desta norma.

A deputada socialista esixiu diálogo coas organizacións de LGTBI, logo de que dous anos despois aínda non foron chamadas para colaborar co Goberno galego, así como os protocolos de actuación en materia sanitaria e educativa. Gallego censurou que a Xunta teña decidido “meter no armario” a Lei para non desenvolvela nos dous anos que xa leva en vigor.

Gallego agradeceu a elaboración do informe específico da Valedora que “reflicte a realidade que veñen denunciando as organizacións de persoas LGTBI e pon negro sobre branco a descrición da situación, confirmando as denuncias dos socialistas diante do desleixo do goberno”.

Sinalou que a Xunta “non fixo nada á hora de elaborar os protocolos sanitarios e educativos necesarios ou iniciar actuacións en materia de corpos e forzas de seguridade, laboral, cultural ou do deporte”. Criticou que o goberno galego “non teña feito algo tan sinxelo como chamar a outras comunidades autónomas con protocolos en marcha, como o caso de Andalucía, e trasladalo á nosa especificidade”.

Gallego puxo o acento sobre o protocolo en materia sanitaria imprescindible para dar unha axuda fundamental a transexuais adultos e urxente no caso de nenos e nenas. Advertiu que “non podemos permitir que pasen pola adolescencia sen ningún tipo de atención médica nin tratamentos aos que teñen dereito”, e sinalou a “desesperación” das familias que ven cómo os profesionais sanitarios non saben cómo actuar nestes casos.

Instou ás administracións públicas a “que actúen” para evitar casos como o das agresións recentes á parella homosexual de Santiago ou da garda civil de Ferrol. A responsable socialista utilizou este último caso para reclamar que os corpos e forzas de seguridade “sexan exemplares no cumprimento da lexislación e a non discriminación”, demostrando que “actúan de acordo coa lexislación vixente e non á contra”.

Ademais, reclamou “datos oficiais para saber de qué falamos cando falamos de homofobia, bifobia ou transfobia”, diante dunhas administracións que “non se preocuparon” de estudar estes casos dunha forma global.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar