A Xunta quere catalogar aos nenos nos comedores escolares en función da renda

A Xunta quere catalogar aos nenos nos comedores escolares en función da renda

A Xunta quere catalogar aos nenos nos comedores escolares en función da renda

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, acusou á Xunta de “catalogar aos nenos –nos comedores escolares- en función da renda” ao implantar o copago. Advertiu, Na comparecencia do director xeral de Educación na Comisión de Educación do Parlamento, que a suba de prezos demostra que “non son tan eficaces nin tan bos xestores”.

O responsable socialista cualificou de “demagóxico” que a Xunta anuncie o pago dos comedores en función da renda dos pais, o que “obriga aos nenos a entrar nos centros públicos coa declaración da renda dos pais nos dentes”.

Docasar dixo que “eu prefiro que a Declaración estea na Axencia Tributaria” e reclamou que “para cobrar en función da renda, deben recadar mais fondos subindo os impostos precisamente rendas mais altas”, o que os socialistas lle propuxeron no debate de Orzamentos para 2013, e foi rexeitado polo PP.

Denunciou que Feijóo ten anunciado un novo castigo aos usuarios da educación pública “coa escusa de cadrar as contas para satisfacer aos mercados” e advertiu que “hoxe toca aplicar un taxazo cos comedores escolares e mañá tocará pagar polo transporte escolar”. Lembrou que o PP “fixo o mesmo retirando os libros de texto gratuítos, incrementando as matrículas universitarias e rebaixando novamente o salario dos profesores, a pesares de dicir o contrario durante a campaña electoral”.

Docasar criticou que as medidas aplicadas polo goberno de Feijóo “atacan á dignidade do ensino público” para que “o presidente presuma de ter as contas supostamente saneadas aínda que os cidadáns as pasen canutas”. Explicou que nesta lexislatura “incrementaron os alumnos por aula, eliminaron os reforzos educativos, suprimiron a gratuidade os libros de texto, non cubren as baixas de profesorado e mesmo os penalizan”.

Lembrou que todas estas medidas coincidiron cunha redución de 400 millóns de euros de orzamento para Educación en só catro anos, mentres os centros ven reducidos os seus gastos de funcionamento entre un 10 e un 20 por cento. Criticou que o Goberno galego non teña informado ata o último momento deste drástico recorte acorde co seu “argumento falaz de facer mais con menos”.

Vicente Docasar advertiu que a Xunta está a empeorar as condicións do ensino público galego ao tempo que reduce os orzamentos dos centros, provocando a perda da calidade da educación.

O responsable socialista reclamoulle á Xunta que acade consenso da comunidade educativa para a creación de novos centros integrados de Formación Profesional, logo de ter anunciado a creación de dous novos en Ourense –A Carballeira- e Lugo –IES As Mercedes-.

Docasar amosouse favorable á creación destes centros, si ben reclamou a participación da comunidade educativa, os claustros de profesores, o Consello Galego de FP, o Consello Escolar de Galicia ou a Mesa de Educación, por canto “provoca agravios comparativos co profesorado” que ten que trasladarse a estes centros.

Lingua

O responsable socialista replicoulle hoxe ao PP que “defender a nosa lingua e a nosa cultura non debe avergoñarnos porque é un tema que nos pertence a todos e todas”. Así o dixo logo das críticas vertidas polo Grupo Popular contra o recurso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarando ilegal a consulta aos pais establecida no decreto do Plurilingüismo e acusando á Xunta de abdicar das súas competencias.

Docasar criticou os “complexos” amosados polo PP neste tema e lembrou que o portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, “deulles unha lección de dereito” no último Pleno do Parlamento no que reclamou que renunciaran a presentar un recurso contra aquela sentenza para sacar a lingua dos tribunais. Engadiu que “algo de caso lle fixeron”, xa que decidiron renunciar a este recurso.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar