A Xunta presenta unha Lei de Galeguidade para só o 10 por cento da diáspora

A Xunta presenta unha Lei de Galeguidade para só o 10 por cento da diáspora

A Xunta presenta unha Lei de Galeguidade para só o 10 por cento da diáspora

A portavoz de Emigración do Grupo Socialista, Marisol Soneira, solicitou a retirada da Lei de Galeguidade presentada pola Xunta por “autista á realidade” ao limitarse a regular a situación dos galegos que forman parte do movemento asociativo. Soneira presentou a emenda de devolución desta norma porque “exclúe ao 90 por cento” da diáspora galega.

A responsable socialista sinalou que a práctica totalidade dos galegos e galegas residentes no estranxeiro “non están vinculados a ningún centro”. Lembroulle ao goberno galego que a maioría dos galegos “cando veñen aquí non viaxan en avión privado, non poden vir no Paxariño Novo”, en alusión ao jet privado cedido por un empresario mexicano para as viaxes de campaña electoral de Feijóo no estranxeiro.

Así, explicou que a Lei “unicamente pretende lexislar sobre as entidades asociativas”, excluíndo aos galegos e galegas a título particular”. Nomeadamente, lembrou que “carece de ningunha medida para facilitar o retorno dos 80.000 mozos galegos e galegas que tiveron que emigrar dende a toma de posesión de Feijóo”.

Soneira acusou ao goberno galego de considerar que a maioría dos en torno a medio millón de galegos e galegas espallados polo mundo “non merecen formar parte do acerbo común da Comunidade Autónoma”. Lembrou que mesmo os galegos beneficiarios de axudas para visitar Galicia nos programas de reencontro “acadan denuncias de nepotismo, favoritismo e de que sempre veñen os mesmos”.

Explicou que esta norma, ademais de discriminar aos galegos e galegas que non forman parte das asociacións, equipara estas entidades “cando non ten nada que ver un centro galego de Uruguai que de Suíza”. Criticou a xestión do goberno de Feijóo cos centros galegos no estranxeiro, e lembrou que o Hospital Galego de Bos Aires “grazas a Feijóo deixa de estar en mans galegas por primeira vez en 100 anos de historia”.

Dixo que a norma incumpre a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía por canto “outorga dereitos exclusivamente a entidades e non aos suxeitos de dereito subxectivo”, e recoñece “exclusivamente ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego sen establecer mecanismos de participación para os centos de miles de galegos que residen fóra de Galicia”.

Ademais, explica que “faculta á Xunta de Galicia a elaborar un censo da cidadanía galega na diáspora co obxectivo de poder artellar políticas de apoio á cidadanía residente no exterior cando non establece ningún mecanismo de relación directa con eles, deixándoo en mans das entidades asociativas”. Soneira concluíu que a Xunta “renuncia a integrar o potencial dos galegos e galegas espallados polo mundo nun proxecto común”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar