A Xunta presenta un "plan trampa" sen orzamento para a atención sociosanitaria

A Xunta presenta un "plan trampa" sen orzamento para a atención sociosanitaria

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, dixo hoxe que o Plan de Atención Sociosanitaria da Xunta supón un “plan trampa” que carece de orzamento para aplicar ningunha iniciativa. Na comparecencia en Comisión do director xeral de Asistencia Sanitaria, cualificou de “antidemocrático” que presente esta iniciativa sen posibilidade de que os grupos fagan alegacións.

A responsable socialista esixiulle ao responsable do goberno galego que explique “cómo van financiar” este Plan mentres reducen un 37 por cento a atención sociosanitaria á saúde mental. Alertou de que o propio Plan puntualiza que o módulo social será de financiamento público “de momento”, o que anticipa a implantación do copago e o “autofinanciamento” pola vía da privatización dos servizos.

Criticou o cinismo do goberno galego ao presentar unha “suposta iniciativa” cando “levan atacando o sanitario e o social sistematicamente dende que chegaron ao goberno” e esixiu un Plan Sociosanitario “pensando nas persoas” e non en incrementar os orzamentos para equipamentos informáticos que “favoreza a non sabemos quén”.

Acuña acusou ao goberno galego de facer desaparecer a universalidade da saúde pública ao “transformar o dereito á atención sanitaria nun servizo pra poder cobrala”, e censurou que “falen de equidade e igualdade cando recortan á metade os servizos sanitarios no rural” deixando só un médico e un enfermeiro nos centros de saúde rurais.

Atrezzo

A responsable socialista acusou ao goberno galego de utilizar ao Parlamento de Galicia “de atrezzo” para facer a presentación desta iniciativa sen permitir a presentación de alegacións por parte dos grupos parlamentarios. Lamentou que teñan utilizado a Cámara autonómica “como un plató da CRTVG” na que “comparecen a petición propia para falar do que lles interesa impedindo que a oposición fale do que lle interesa á xente”.

Así, reclamoulle ao goberno galego que fale da paralización do Hospital de Vigo, da licitación do CHOU, que quedou deserta, do Plan Director do Hospital de Ourense, adiado sine díe, a desaparición da ampliación do Hospital de Burela ou dos centros de saúde adxudicados polo goberno socialista, paralizados polo goberno de Feijóo e que agora anuncia sen que se teñan posto en marcha.

Tamén reclamou que leven ao Parlamento a maquillaxe das listas de espera, o descontento xeneralizado dos profesionais da sanidade, a misteriosa central de compras privada de Negreira, o Plan Innova Saúde “que ninguén entende”, da “privatización e venda dos servizos de mantemento, das trampas da facturación de farmacia, ou os recortes en servizos sociais e dependencia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar