A Xunta presenta a Lei de Inclusión anunciando o seu incumprimento por falla de financiamento

A Xunta presenta a Lei de Inclusión anunciando o seu incumprimento por falla de financiamento

A Xunta presenta a Lei de Inclusión anunciando o seu incumprimento por falla de financiamento

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe á Xunta de presentar un proxecto de Lei de Inclusión Social que será “incumprida por falla de financiamento”. Así o dixo no debate de totalidade desta Lei, que os socialistas rexeitaron porque “non garante financiamento cando supostamente está garantindo dereitos”.

A responsable socialista advertiu que se “condiciona o cumprimento do establecido na propia Lei á existencia de dispoñibilidade orzamentaria”, tal e como advirte o informe da Consellería de Facenda que acompaña ao texto. Lamentou que a Xunta teña presentado unha Lei “pouco ambiciosa”.

Carmen Gallego sinala que isto significa que “os dereitos non se respectarán” ao tempo que “despreza aos gobernos locais, ás centrais sindicais e ás entidades do terceiro sector –ONGs-” que viron as súas alegacións rexeitadas. En definitiva, dixo, trátase dunha Lei “tardía, con poucos compromisos e só algunhas boas palabras”.

A parlamentaria socialista reclamou a devolución da Lei por canto anticipa o seu propio incumprimento e non soluciona os problemas dos galegos e galegas en risco de exclusión. Esixiu así que o goberno galego “comprometa para esta Lei orzamento suficiente que garanta os dereitos de todas as persoas en risco de pobreza ou exclusión social”.

Fondo de Emerxencia

Gallego reclamou a posta en marcha de xeito inmediato dun Fondo de Emerxencia contra a Pobreza, que destine como mínimo o 0,1 por cento do PIB de Galicia para atender prioritariamente á infancia e ás persoas sen fogar. Os socialistas galegos reclaman a implicación certa neste plan dos concellos e ONGs polo seu “achegamento aos problemas reais da cidadanía”.

Esixiulle ao goberno galego que asuma que “é o momento do compromiso e da acción na loita contra a pobreza”, e de tomar decisións que melloren a calidade de vida dos galegos e das galegas.

A parlamentaria socialista advertiu que “a acción de goberno resulta totalmente contraditoria co texto do proxecto”, xa que o goberno de Feijóo leva cinco anos deteriorando a calidade de vida dos galegos e das galegas e “dinamitando os servizos sociais”.

Lembrou que unha da súas primeiras medidas foi suprimir os equipos de inclusión das grandes cidades e do Consorcio das Mariñas, mentres incumpre o II Plan Galego de Inclusión Social 2007 – 2013, no que está executando un 20 por cento menos do previsto. Criticou que o goberno deixou “abandonado e incumprido” o Pacto Galego contra a Pobreza tamén asinado polo PP.

Carmen Gallego sinalou ademais que a Lei de reforma da administración local “derroga de facto a Lei de Servizos Sociais de Galicia, suprime as competencias os servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes e promove a súa privatización en conivencia co goberno galego.

Empobrecemento

A parlamentaria socialista engade que as decisións tomadas en materia de política económica e social polos gobernos central e autonómico “contribúen a empobrecer á poboación” eliminando axudas estatais á teleasistencia, reducindo o orzamento para o Plan Concertado, excluíndo aos dependentes moderados da Lei da Dependencia, incrementando o copago de servizos sociais ou entorpecendo a prestación da Risga.

Estes son só algúns exemplos, dixo, dunha acción política que conxela as pensións, impón o copago das medicinas, suprime fármacos do sector público, elimina a gratuidade dos libros de texto ou obriga ao pago de próteses. É o mesmo goberno, dixo, que reduciu un 40,37 por cento o orzamento das políticas activas de emprego en 2013 e desmantela os servizos de orientación e intermediación laboral.

Finalmente, sinalou que o goberno de Feijóo deixa sen aproveitar a marxe de manobra que ten Galicia no cumprimento do obxectivo de déficit, o que permitiría incrementar os ingresos para blindar as políticas públicas que garantan os dereitos das persoas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar