A Xunta prepara a "liquidación" do Centro Gallego de Bos Aires

A Xunta prepara a "liquidación" do Centro Gallego de Bos Aires

A Xunta prepara a "liquidación" do Centro Gallego de Bos Aires

Centro Gallego Buenos AiresA portavoz de Emigración do Grupo Socialista, Marisol Soneira, acusou hoxe ao goberno galego de propiciar a “liquidación” do Centro Gallego de Bos Aires e o “saqueo” do seu patrimonio para deixalo en mans particulares. Soneira denunciou a “traizón á nosa historia e á nosa identidade” por parte de Feijóo e o seu, dixo, “patriotismo de boquilla”.

A parlamentaria socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias logo de coñecer a publicación no Boletín Oficial da República Arxentina dunha resolución pola que da conta da decisión da Xunta e do Goberno central e substituír ao Centro Gallego da xestión da Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na República Arxentina –Ospaña-, para substituílo por unha mutua privada creada ad hoc.

Soneira lembra que Ospaña foi creada en colaboración co goberno central, a Xunta e as autoridades arxentinas para dar cobertura sanitaria a tódolos inmigrantes españois e descendentes en Arxentina a través do Hospital do Centro Galego.

Con esta decisión, explicou, o Centro Galego, que formaba parte dos órganos de dirección de Ospaña, “deixa de ter voz nin voto na toma de decisións”, polo que Ospaña “convértese nunha Obra Social mais das tantas que hai na Arxentina”.

Esto pon en perigo, dixo Soneira, a supervivencia do propio Hospital e do Centro Galego, que ten un patrimonio composto por obras de tódolos artistas galegos no exilio, unha biblioteca de 20.000 volumes e a fonoteca coas intervencións dos “pais da patria galega”, ademais do patrimonio inmaterial do Hospital no que finou o propio Castelao, e que hoxe está “pendente dun fío”.

Denunciou que o goberno galego dera o “visto e prace” a “liquidar” o Centro Gallego constituíndo unha mutua “creada ad hoc para quedarse gratis total co patrimonio galego” en “beneficio duns poucos particulares a custe cero”. Soneira situou no epicentro da operación ao delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro Dobarro, tamén presidente do PP de Arxentina e vicepresidente de Ospaña.

Marisol Soneira lamentou que “ningún presidente de Galicia atreveuse nunca a tanto” como Feijóo, que “pediu a desaparición do Centro Gallego”, unha entidade á que consideran “como inimigos” logo de que o candidato “oficialista” a presidila perdera as eleccións internas.

Os socialistas galegos reclámanlle á Xunta que preste “todo o apoio político, técnico e económico que fose necesario para que o Centro Gallego de Bos Aires siga sendo o referente hospitalario, cultural e social da cidadanía residente na República Arxentina e uns dos sinais de identidade de Galicia”.

Esixiu “garantir a presenza do Centro Galego de Bos Aires nos órganos de representación política de Ospaña” para garantir deste xeito “a súa supervivencia como centro hospitalario de referencia da cidadanía galega residente na República Arxentina”.

Finalmente, reclama promover dende a dirección desta entidade “tódalas accións precisas para a súa fiscalización e control e o cumprimento dos seus fins fundacionais e non como plataforma de intereses escuros”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar