A Xunta obriga aos centros a asumir os gastos da adquisición dos libros de texto

A Xunta obriga aos centros a asumir os gastos da adquisición dos libros de texto

A Xunta obriga aos centros a asumir os gastos da adquisición dos libros de texto

libro_texto_colexioO portavoz de Educación do Grupo Socialista e secretario de Educación do PSdeG-PSOE, Vicente Docasar, considera “un esperpento e unha chapuza” a circular de instrucións para a adquisición dos libros de texto que a Xunta lle ten remitido onte aos centros educativos.

No dito documento, o goberno galego obriga aos centros a asumir o custe dos libros de texto con cargo aos seus xa minorados gastos de funcionamento, un montante que “seralle reembolsado logo da xustificación que terán que tramitar”. Docasar lémbralle á Xunta que os centros “a duras penas poden garantir o funcionamento dos centros e carecen das partidas mínimas para garantir o mantemento mínimo das infraestruturas”.

Critica que o goberno galego lles teña remitido esta instrución aos centros, en plenas vacacións de verán, para obrigalos a asumir a compra dos libros de texto “e evitar deste xeito o desastre de deixar tiradas a miles de familias galegas”. Sinala que “este é o esperpento polo que o goberno de Feijóo substituíu o sistema de préstamo moito mais barato e eficaz, posto en marcha por Fraga e universalizado por Touriño”.

Advirte que esta nova instrución demostra que “a idea do goberno galego non pasou nunca por garantir o dereito do acceso universal e gratuíto aos libros de texto, senón pola chapuza, a improvisación e a caridade”. Acusou ao PP de impedir, co seu rolo parlamentario, o debate proposto polos socialistas galegos sobre a política de libros de texto.

Foi o PP, lembra, o que desmantelou un sistema que chegaba ao cen por cen do alumnado do ensino obrigatorio e sufragado cos impostos da cidadanía, mais eficiente e económico para as familias e para a Administración. A destrución deste sistema responde “a unha ansia obsesiva de cambiar todo aquilo que fan os demais” para “impoñer un sistema denominado pomposa e enganosamente sistema de gratuidade solidaria, nin gratuíto nin solidario”.

Docasar lamenta “profundamente” o “espectáculo lamentable” que está a ofrecer o goberno galego coa súa política de libros de texto, que ten “enfadada ao conxunto da comunidade educativa galega”, con críticas das Anpas e de tódolos partidos do arco parlamentario “salvo o PP”. A resposta é “unanimemente negativa” tanto dende os equipos directivos, como dende os sindicatos e mesmo a Defensora do Pobo.

Lembra que o sistema universalizado polo goberno de Touriño “custaba 80 millóns de euros en catro anos, mentres que Feijóo ten disparado o seu custe aos 200 millóns para un sistema que nin sequera acada á totalidade dos alumnos”.

Advertiu que “as familias e os centros educativos piden serenidade, rigor e equidade na política da Consellería de Educación en relación cos libros de texto, e por iso pídolle publicamente ao presidente da Xunta que remate dunha vez por todas co esperpento levado a cabo cos libros de texto”. Reclamoulle que “recupere o sistema de préstamo universal e gratuíto, tal e como pide o conxunto da comunidade educativa galega”.

INSTRUCCIÓNS FONDO LIBROS. AMPLIACIÓN EXISTENCIAS_4

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar