A Xunta "non ten os deberes feitos" para garantir o transporte escolar gratuíto

A Xunta "non ten os deberes feitos" para garantir o transporte escolar gratuíto

A Xunta "non ten os deberes feitos" para garantir o transporte escolar gratuíto

O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, acusou á Xunta de “non ter os deberes feitos” para garantir o transporte escolar público gratuíto en Galicia. Así o dixo no debate dunha Proposición non de Lei presentada polos socialistas en contra do copago, que foi rexeitada polo PP.

Meijón advertiu que ao conselleiro de Educación “impórtalle un pemento o que dicimos no Parlamento, por iso trae por escrito todo o que di nas súas intervencións” e incumpre sistematicamente as propostas aprobadas na Cámara. Aludiu así a un acordo unánime aprobado en Comisión parlamentaria o 9 de setembro de 2010 para que a Xunta estudara a reestruturación do transporte escolar.

Sinalou que por este motivo o PP rexeitou a iniciativa para manter a gratuidade do transporte escolar e contra “calquera formulación de pago ou copago por parte do alumnado” de forma “clara e rotunda”. Lembrou que esta posibilidade foi aberta polo presidente do Comité Galego de Transporte de Viaxeiros, así como pola Xunta, que introduciu no DOG o copago como modalidade de financiamento dos servizos públicos.

Tamén criticou a posibilidade aberta polo mesmo responsable para reducir o número de rutas, reducindo o seu custe pero duplicando a duración do tempo que pasan os rapaces no transporte cunha práctica “despiadada para o alumnado”. Meijón reclamaba así que a Xunta garanta a “eficiencia, eficacia e calidade” do servizo e non só “criterios unicamente economicistas”.

Meijón lamentou que a falla de compromiso por parte da Xunta cos acordos parlamentarios impediu ao PP aprobar hoxe a proposta para incrementar a calidade e seguridade do servizo e reducindo o tempo de permanencia do alumnado no vehículo.

Esta iniciativa incluía tamén “o incremento da súa eficiencia mediante a incorporación de alumnado que, non tendo dereito ao mesmo, poida beneficiarse da súa utilización”, ademais de optimizar e ampliar o programa Tes+Bus.

En resposta ás críticas do PP de “politizar o ensino público”, Meijón amosouse “favorable á súa politización, porque así é como se consolidou o Estado do Benestar” e puntualizou que “na ditadura non había Estado do Benestar, que apareceu en canto se puido facer política”.

90.000 alumnos

Meijón salientou a importancia do transporte escolar para Galicia debido á dispersión poboacional, e apuntou que actualmente da servizo a 90.000 alumnos a través dunha flota de 2.500 vehículos que supoñen 125 millóns de euros de orzamento. Ademais, durante a pasada lexislatura dotouse de acompañantes escolares ao cen por cen das liñas que o necesitaban, unha porcentaxe que en 1995 era do 4 por cento.

Así, dixo o parlamentario socialista, actualmente hai 1.700 acompañantes escolares, mentres o transporte adaptado da servizo a en torno a 1.000 alumnos, abarcando a 90 centros de toda Galicia.

Advertiu da nula xestión do transporte escolar por parte da Xunta dende a chegada do PP, e nomeou a prórroga “desmedida” do contrato de servizos de transporte “gabándose dunha bonificación do 7 por cento, ou 110 millóns de euros en 10 anos”. Este contrato foi denunciado e paralizado no Tribunal de Defensa da Competencia por aplicar “criterios meramente economicistas e non implementar a calidade ou racionalidade”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar