A Xunta "meteu no armario" a Lei de igualdade de trato e non discriminación de LGTBI

A Xunta "meteu no armario" a Lei de igualdade de trato e non discriminación de LGTBI

A Xunta “meteu no armario” a Lei de igualdade de trato e non discriminación de LGTBI

A portavoz de Políticas Sociais e LGTBI do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe á Xunta de “meter a Lei de Visibilidade e non Discriminación das persoas LGTBI no armario”. Así o dixo no debate dunha Interpelación na que acusou ao Executivo autonómico de ter feito “nada, en ningures, de ningún xeito” para desenvolver a norma.

A deputada socialista preguntoulle ao PP “para que apoiaron a Lei cando manifestan que queren incumprila” logo de 2 anos da súa aprobación nos que demostraron, dixo, que “o Goberno non a interiorizou, non a consideraron nin importante nin prioritaria”. Acusounos de tela apoiado “porque esteticamente quedaba ben, pero aí quedou todo”, nun “xesto inicial que creou expectativas e esperanzas que hoxe volveron a frustrarse”.

Lamentou que a Xunta teña renunciado a cumprir a bnorma, xa que “non só non asumiu o que di o texto legal, senón que a súa práctica cotiá o contradí”. Sinalou ás campañas publicitarias cun só modelo de familia, falla de referentes da diversidade nos medios de comunicación, a armarización das persoas maiores ou das persoas con discapacidade cando entran no circuíto da atención dos servizos sociais.

O goberno galego vai contra das recomendacións da valedora do pobo, que sinalaba estas situacións nun recente informe no que advertía da dificultade da loita contra a discriminación ao ter eliminado do texto legal o procedemento sancionador.

Sinalou que a Xunta non fixo nada polas mulleres lesbianas excluídas dos tratamentos de reprodución asistida, as parellas homosexuais discriminadas nos procesos de acollemento, as dificultades impostas polo Sergas para asumir os custes de cirurxías de reasignación ou a falla de comprensión de pais e nais que buscan tratamentos hormonais para fillos e fillas trans.

O mesmo sucede nos casos de agresións homofóbicas ou da discriminación que sofren as persoas trans e intersexuais antes de ter a súa identidade reasignada tanto física como documentalmente.

A deputada socialista advertiu as “cero actuacións” da Xunta para cumprir coas obrigas sinaladas pola Lei á hora de divulgar o contido da Lei, organizar plans de formación na Academia Galega de Seguridade, medidas de apoio ás vítimas, programas de información e divulgación no ámbito laboral, formación do persoal sanitario ou atención sanitaria da transexualidade, así como medidas na educación, cultura, ocio ou formación.

jacobo

Deixar a resposta

Pechar