A Xunta mete no caixón os plans de igualdade no ensino e na educación

A Xunta mete no caixón os plans de igualdade no ensino e na educación

A Xunta mete no caixón os plans de igualdade no ensino e na educación

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, denunciou hoxe o incumprimento por parte da Xunta dos plans de igualdade específicos para o ensino e a sanidade públicas. A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias que coincidirán coa conmemoración, o próximo 8 de marzo, do Día Internacional da Muller.

Os socialistas galegos puxeron hoxe o foco sobre as eivas en materia de Igualdade por parte do goberno galego sinaladamente no ensino e a sanidade. Estas complementaranse co debate dunha interpelación sobre a igualdade no mercado laboral que será debatida no próximo Pleno e da mesma pregunta ao presidente, na que o portavoz socialista preguntaralle a Feijóo pola situación da muller logo dos seus oito anos de goberno.

María Pierres, que acudiu hoxe acompañada polos portavoces de educación e sanidade do Grupo Socialista, Luis Álvarez e Julio Torrado, respectivamente, comezou alertando de “grandes lagoas” nas políticas de igualdade apenas dous días despois de aprobar o texto consensuado da ponencia sobre igualdade de xénero na Comisión de Igualdade, que será enviado ao Senado.

Advertiu así do grao de incumprimento do I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, que nace incumprindo xa as necesidades de materiais, asesoramento e orientación de cara aos centros educativos ou a formación de profesorado e alumnado. Ningunha destas medidas conta coni orzamento, “o que as fai dificilmente sustentables”.

Ademais, dixo, “non se contempla neste ano nin unha soa acción relacionada coa formación no que a convocatorias de grupos de traballo nos centros e seminarios se refire”. Sinalou que “a primeira medida do Plan non se respecta dende o principio só dous días despois de acordar no Parlamento as directrices para a erradicación das desigualdades e da violencia de xénero”.

Acusou ao goberno galego de “pretender que os plans sexan suficientes coa súa mera redacción”, tanto na educación como na sanidade pública, onde a Xunta incumpre de forma flagrante o Plan de Atención Integral de Saúde das Mulleres. Dixo que “a día de hoxe non temos constancia de aplicación deste ou doutro plan semellante que vele pola perspectiva da saúde dende a cuestión de xénero”.

Sinalou que o dito plan nacía para rematar coa invisibilidade das mulleres para a ciencia médica, esplicitando as diferenzas evidentes das mulleres, que “no físico temos diferenzas, e polo tanto a nosa resposta ás enfermidades tense demostrado que non sempre é igual”. Recollía así as diferenza máis salientables, como é a maior lonxevidade ou as patoloxías propias e as que máis lles afectan.

Os socialistas presentaron así unha serie de iniciativas dirixidas en primeiro lugar a dotar de forma “expresa e suficiente” o Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos, mesmo ampliando os seus obxectivos. Ademais, reclaman un novo plan de atención integral da saúde das mulleres baseado no de 2007 e que traballe nas liñas estratéxicas que aquel marcaba.

Tamén lle reclaman á Consellería de Sanidade que presente neste ano a súa planificación en termos de saúde das mulleres, e a constitución dunha ponencia parlamentaria que deseñe as liñas estratéxicas dun novo plan de atención integral de saúde das mulleres.

Provocador e intolerable

A responsable socialista advertiu hoxe “do moito que aínda temos que avanzar para acadar conquistas en pro da igualdade”, logo dun comezo de ano dramático polo elevado número de vítimas de violencia machista.

Ademais, sinalou ás “declaracións provocadoras e intolerables” dun eurodeputado polaco sobre a suposta inferioridade das mulleres, ou a divulgación de mensaxes contra a igualdade por parte dun grupo ultraconservador, que “atenta contra a tolerancia e a diversidade sexual e de xénero”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar