A Xunta mercantiliza ás persoas maiores forzando o seu traslado a centros privados

A Xunta mercantiliza ás persoas maiores forzando o seu traslado a centros privados

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe ao goberno galego de “facer negocio e mercantilizar ás persoas maiores” ao empeorar deliberadamente a atención pública para forzar o seu traslado a centros privados. Así o dixo no debate dunha moción para recuperar as condicións laborais dos traballadores dependentes da Consellería de Benestar, e a restauración dos medios materiais, que foi rexeitada polo PP.

Gallego criticou que o PP siga a “folla de ruta ideolóxica clarísima para desmontar o público e desviar a atención desas persoas ás empresas privadas para darlle negocio aos amigos”. Reclamou a reposición das condicións de traballadores e dos centros que teñen que afrontar “falla de auga quente, fiestras que non pechan, humidades, maiores obrigados a durmir en colchonetas e traballadores con baixas prolongadas”.

A responsable socialista aludiu así á desaparición de 1.500 traballadores dependentes da Consellería nos últimos seis anos, mentres reduciron o gasto social en oito puntos, reducindo o orzamento en 535 millóns de euros, obrigando a manter unhas instalacións e medios materiais sen renovar dende os anos 80 e 90.

Os socialistas reclamaron a reposición dos postos de traballo nos centros públicos de atención ás persoas con discapacidade, persoas maiores, persoas autónomas, dependentes e centros de menores.

A deputada socialista sinala que a Consellería debe “respectar as condicións laborais das traballadoras e traballadores destes centros públicos aprobadas no V Convenio”, e elaborar “un plan de investimento para modernizar os edificios e repoñer os materiais precisos para que se poida prestar unha atención integral pública e de calidade aos usuarios”, ao tempo que melloran as condicións de traballo do persoal dos centros.

Finalmente, esixiulle ao goberno galego que recupere os recursos económicos dos que viñan dispoñendo para as actividades de estimulación, cultura e lecer das persoas usuarias destes centros.

Condicións brutais e inhumanas

Gallego denunciou “condicións de traballo brutais” na Consellería e unha atención “inhumana” ás persoas que mais o necesitan. Sinalou que, por unha banda, o persoal vese obrigado a traballar dous de cada tres fins de semana, oito de cada nove días laborais ou sumando tres noites consecutivas.

Esta situación xera “unha carga insoportable” que provoca o deterioro da saúde dos traballadores e traballadoras e a menor calidade da atención as persoas usuarias dos centros.

Estas padecen “falla de comida, roupa de camas, luvas, cueiros, esponxas, cintos, cremas hidratantes, as grúas e camas non son axeitadas ou hai que movelas con manivela, falla de mantemento e reposición de camillas, tensiómetros, aspiradores de mucosidades, cadeiras de ducha, bañeiras xeriátricas, e mesmo hai colchonetas de ximnasio ou camastros habilitados para o descanso das persoas usuarias”, relatou.

E mentres, persoal e residentes padecen o estrangulamento do presuposto procedente do goberno, o deterioro dos centros supera o humana e legalmente tolerable, converténdose en auténticos aparcadoiros de persoas, que sen embargo “é pasado por alto porque os técnicos de inspección xa nin aparecen”.

Gallego acusou á Conselleira de limitalo a “un problema puntual de dous ou tres centros”, cando os comités de empresa da Consellería nas catro provincias a desmenten, con multitude de centros públicos aos que o goberno galego “abandonou o mantemento e a reposición de materiais”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar