A Xunta mantén as restricións aos empregados públicos

A Xunta mantén as restricións aos empregados públicos

A Xunta mantén as restricións aos empregados públicos

O portavoz de Administración Pública do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, acusou hoxe á Xunta de manter as restricións laborais dos empregados públicos, ao negarse a derrogar a Lei 1/2012 de medidas temporais. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión na que instaba ao goberno a recuperar o diálogo social e a negociación colectiva.

O responsable socialista advirte do veto do PP a recuperar as condicións laborais quebradas pola dita Lei, que impuña penalizacións económicas por situacións de incapacidade laboral ou a supresión de axudas dos fondos de acción social. Tamén restrinxiu as prórrogas logo da idade de xubilación e a suspensión dos dereitos a descansos e libranzas, así como a provisión de postos e mobilidade.

Sinalou que as difíciles condicións impostas polo goberno galego aos traballadores públicos afectan á calidade do servizo, pola continua limitación de persoal, suprimindo 3.000 postos en sanidade, 2.500 no ensino non universitario, 400 universitario e outros 450 investigadores e persoal de apoio, ademais das restricións salariais dos restantes traballadores e traballadoras.

Mentres, a taxa de emprego temporal incrementouse nun 50 por cento, pasando de 10.000 contratados en precario en 2011 a 15.000 en 2015, en contra das recentes sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE en contra destas prácticas na administración.

O responsable socialista advirte que a redución no gasto de persoal por parte da Xunta responde a “unha política ben trazada para adelgazar os servizos públicos, diminuír a capacidade da acción redistributiva e social do Estado de Benestar, desregulalo e facilitar así novos ámbitos de privatización, dentro da tendencia actual” de abandonar a protección e redistribución social para impoñer unha visión de servizos sociais de beneficencia.

Diálogo social

Ademais, acusou ao goberno galego de negarse a retomar o diálogo social e a negociación colectiva, que “disfrazan” cunhas prácticas “contrarias á boa fe negocial”, ao presentarse aos traballadores con decisións xa tomadas, pechando calquera posibilidade de acordo. Así o dixo logo de constatar estas prácticas en diversos encontros cos representantes dos traballadores da administración pública.

Os socialistas galegos reclamaron hoxe a derrogación das medidas impostas na Lei 1/2012, a aprobación dun plan estratéxico de recursos humanos consensuado os traballadores e a recuperación do complemento específico nas pagas extraordinarias suprimido dende 2013.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar