A Xunta leva dende outubro sen conceder axudas a vítimas de violencia de xénero

A Xunta leva dende outubro sen conceder axudas a vítimas de violencia de xénero

A Xunta leva dende outubro sen conceder axudas a vítimas de violencia de xénero

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, deu a alarma hoxe diante da decisión do goberno galego de pechar as axudas a vítimas de violencia de xénero dende outubro do ano pasado. Así o dixo na comparecencia da secretaria xeral de Igualdade en Comisión parlamentaria para presentar o informe anual sobre violencia de xénero.

A deputada socialista advertiu que a decisión do goberno galego de pechar aceleradamente unhas axudas xa de por si reducidas, e que ademais son incompatibles con outro tipo de apoio económico institucional, deixan por exemplo sen apoio aos dous fillos da muller asasinada en Becerreá a comezos de febreiro.

Gallego alertou ademais do descenso drástico nas axudas públicas ás vítimas da violencia machista, xa que tan só recibiron axudas de pago único o 1,69 por cento das 5.210 que denunciaron durante 2015, e outro 6 por cento fixéronse acredoras do salario da liberdade.

Por outra banda, o goberno galego fixo desaparecer o programa Aluga, que foi substituído por unhas axudas de 150 euros para aluguer “absolutamente insuficientes”, xa que só se habilitan “nos casos de mulleres que non teñen nada, cando están literalmente na rúa”. Mentres, o goberno central provocou un “descenso brutal” nas axudas, pasando de 1.311 en 2014 a tan só 412 en 2015 “a falta dos datos do último trimestre”.

A deputada socialista reclamou así a mellora da tramitación das axudas, que estean dispoñibles todo o ano e unha maior atención ás mulleres que denuncian, xa que, sinalou, só o 18 por cento das mulleres que denunciaron foron asistidas no trámite. Ademais, foron denegadas o 40 por cento das ordes de protección solicitadas, na súa opinión demasiadas.

Segunda Comunidade Autónoma

Carmen Gallego reclamou “afondar nas medidas estruturais, de raíz” para afrontar as “cifras terribles” de vítimas asasinadas a mans da violencia machista. Puntualizou que Galicia non é a terceira Comunidade Autónoma con 8 vítimas no ano 2015, tal e como sinala a Xunta, senón que é a segunda con 10 vítimas ao contabilizar ás dúas nenas asasinadas en Pontevedra que o goberno galego non inclúe no reconto.

Chamou a “escapar do voluntarismo político” e ir “cara ao problema de que temos unha sociedade radicalmente desigual”. Demandou así aumentar o apoio económico, xurídico e psicolóxico ás vítimas, a institucionalización das campañas e cursos de formación e o reforzo persoal e recursos para os Centros de Información á Muller –CIM-, o recurso que mellor funciona e agora “moi mal dotados” e funcionando “a forza de voluntarismo”.

Advertiu que a intención do goberno galego de darlle aos CIM tarefas da atención á discriminación e desigualdade que padecen persoas LGTBI require o seu reforzo de persoal e recursos, xa que actualmente están “absolutamente saturados”. Sinalou que esta nova competencia require de persoal especializado en homofobia, bifobia e transfobia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar