A Xunta introduce xerarquías na escola pública

A Xunta introduce xerarquías na escola pública

A Xunta introduce xerarquías na escola pública

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, advertiu que “onde antes se consideraba iguais a todos os estudantes, agora introdúcense xerarquías”. Así o dixo no debate dunha Proposición non de Lei do Grupo Socialista para garantir “os mesmos dereitos” dos alumnos no ensino e en contra do copago dos comedores escolares.

O responsable socialista advertiu que “a renda xurde como factor de desigualdade” xa que as familias deberán ser “clasificadas en estratos” para realizar pagos diferentes no servizo de comedor escolar, mesmo “abrindo a posibilidade de comer en locais diferenciados”. Acusou ao PP de “rachar cunha igualdade que vén dos anos setenta” na escola pública “mentres na privada non se dará semellante situación”.

Docasar criticou o “cinismo político” amosado polo PP ao implantar o copago nos comedores escolares mentres destinan 3 millóns de euros anuais para financiar centros concertados que segregan por sexo en contra da doutrina do Tribunal Supremo. Advertiu que o PP argumenta a falla de fondos pero renuncia a aumentar o IRPF ás rendas mais altas ou un imposto á banca, que permitirían financiar os comedores escolares.

O parlamentario socialista engadiu que a implantación de taxas “para todo” por parte do PP vulnera o principio constitucional que establece o ensino básico “obrigatorio e gratuíto”.

Dixo que o PP “rompe co principio de igualdade de oportunidades”, perpetra “un novo ataque ás familias humildes nun momento especialmente difícil”, determina que “de facto, no comedores escolares xa non tódolos nenos serán iguais” e “abre a veda para tódolos repagos que vostedes teñen en mente”.

Normativa de admisión

Ademais, criticou a normativa de admisión de rapaces nas escolas por “farragosa” e por provocar que haxa familias cos seus rapaces en colexios distintos por esta normativa, mentres uns “teñen dereito a transporte e comedor e outros non”. Reclamoulle ao goberno galego que “teña en conta as opinións do Consello Consultivo, da Asesoría Xurídica da Xunta ou dos axentes sociais”.

Esta iniciativa, rexeitada polo PP, reclamáballe ao Goberno galego “modificar a orde de admisión de alumnos nos centros de ensino, recoñecendo a todos os admitidos os mesmos dereitos para acceder aos servizos complementarios e á totalidade da oferta educativa, de recursos e servizos do seu centro”.

Tamén reclamaba conceder “prioridade absoluta” á escolarización de irmáns no mesmo centro e eliminar o requisito de antigüidade dun ano no domicilio familiar, por canto a Constitución garante a liberdade de residencia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar