A Xunta incumpre a obriga legal de aprobar plans de igualdade nos organismos dependentes

A Xunta incumpre a obriga legal de aprobar plans de igualdade nos organismos dependentes

A Xunta incumpre a obriga legal de aprobar plans de igualdade nos organismos dependentes

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir coa obriga legal de aprobar plans de igualdade nos organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e entidades de dereito público dependentes da administración autonómica.

A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno celebrado hoxe para reclamarlle ao goberno galego que presente un informe, nun prazo de dous meses, do grao de cumprimento do decreto aprobado en febreiro de 2015, e que consolida estas obrigas. Advertiu que o prazo resulta “factible” porque “o informe será ben corto, e bastan tres palabras: faltan os plans”.

Recolleu a denuncia do sindicato UGT – Galicia fronte ao incumprimento desta obriga, o que constata, dixo, a “desidia deste goberno” que leva máis de dous anos sen cumprir con esta norma. Puntualizou que “moita lexislación, moitas intencións e moita venda de fume de medidas que quedan no caixón” mentes tratan a igualdade como “un tema co que se pode exercer a política de recortes e como unha cuestión menor”.

Pierres sinalou que “a maioría dos representantes dos organismos dependentes da administración nin coñecen nin saben dos plans de igualdade que lles afectan”. Afeoulle ao goberno galego que considere que “un plan xenérico, estratéxico do goberno, serve para cubrir todo o espectro laboral dependente da Xunta de Galicia”.

A parlamentaria socialista sinalou que “na propia web da Xunta aparecen como exemplo de boas prácticas os plans de igualdade de moitas empresas ou entidades de carácter privado, e tan só un, o da Universidade de Santiago de Compostela, con carácter público”.

Advertiu da “importancia que ten o exemplo da administración nesta materia”, sinaladamente cando as entidades públicas están obrigadas a cumprir cunha norma que só é unha recomendación para as empresas de menos de 250 traballadores, a inmensa maioría das entidades privadas de Galicia.

María Pierres sinalou que o dereito da igualdade de mulleres e de homes “constitúe un valor fundamental para a democracia e é unha necesidade esencial nunha sociedade democrática moderna que desexa acabar co sistema patriarcal andocéntrico e sexista”.

Alertou de datos “alarmantes” como que 30.600 mulleres galegas teñan que deixar os seus traballos para coidar de nenos e maiores, que sexan elas as que asuman o rol de coidadora nun 92 por cento dos casos. Elas perciben ademais 4.700 euros menos de salario que os homes polas mesmas tarefas, e na administración autonómica, cun 70 por cento de mulleres, o 63 por cento dos postos directivos son ocupados por homes.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar