A Xunta incumpre a Lei Paz Andrade de impulso das relacións co mundo da lusofonía

A Xunta incumpre a Lei Paz Andrade de impulso das relacións co mundo da lusofonía

A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, advertiu hoxe do incumprimento da Lei Paz Andrade para o impulso do portugués en Galicia e o fomento da colaboración cos países de lingua portuguesa. Na comparecencia do secretario xeral de Política Lingüística na Comisión de Cultura, a deputada socialista advertiu que o goberno fracasou nos tres eixos principais da norma.

Burgo sinalou que a Xunta fracasou a nivel de ensino, con relación ao impulso das relacións internacionais e no eido da comunicación social, os tres eixos fundamentais marcados por esta norma aprobada en marzo de 2014 a raíz dunha Iniciativa Lexislativa Popular. A deputada socialista reprochou o desleixo do goberno na comparecencia para dar conta do suposto fomento dos lazos co mundo da lusofonía.

Criticou que o goberno galego teña comparecido a petición propia sen presentar ningún tipo de documento nin informe con obxectivos, custe e programación temporal, como obriga a Lei, e “limitarse a facer unha nota de prensa na que suman tódolos eventos que poidan relacionar con Portugal e poñelos dentro das accións da Lei”.

O goberno evitou poñer os seus obxectivos, o grao de cumprimento e moito menos o custe que supuxeron para as contas públicas, e acusounos polo tanto de “enganar aos promotores desta Lei” que foi aceptada polo PP, malia que no seu debate parlamentario intentaran “descafeinala”.

A responsable socialista sinalou que o impulso das relacións de Galicia co mundo da lusofonía, require de forma imprescindible encetar “accións transversais do goberno”, pero, engadiu, “hoxe quedou claro que carece de proxecto político para facelo nin tampouco vontade para conseguilo”.

Eixos

O goberno fracasou, dixo Burgo, en calquera dos 3 grandes eixos previstos no texto, como constatou ao lembrar que “non fixeron absolutamente nada para introducir o portugués no ensino regrado”. A Xunta limitouse a depositar o ensino nesta lingua na “boa vontade dos profesores e profesoras” que, engadiu, “pode estenderse un certo tempo, pero a partir de aí necesitan os medios para cumprir co seu traballo”.

Por outra banda, tampouco foron quen de avanzar no impulso das relacións internacionais co mundo da lusofonía, que conta con 254 millóns de falantes e unha oportunidade estratéxica para Galicia co Norte de Portugal ou Brasil, e traballar para que Galicia se incorpore á comunidade de países de lingua portuguesa.

Mentres os gobernos de Emilio Pérez Touriño e de Manuel Fraga tomaron medidas para impulsar as relacións con estes países, Núñez Feijóo “limítase a contemplar esta posibilidade” e ironizou coa súa “visión contemplativa”.

Idéntico balance ofrecen con relación á comunicación social, logo das expectativas abertas pola posibilidade de conseguir a reciprocidade das emisións televisivas e radiofónicas entre Galicia e Portugal, “o goberno galego só foi quen de colaborar en 2 programas coa televisión veciña en todo un ano”.

Concepción Burgo dixo que “vai ser difícil atopar estes programas”, antes de constatar que “tampouco fixeron nada para impulsar a recepción da televisión portuguesa en Galicia e viceversa”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar