A Xunta incumpre a Lei de Medios para "manter os instrumentos de control político da información"

A Xunta incumpre a Lei de Medios para "manter os instrumentos de control político da información"

A Xunta incumpre a Lei de Medios para “manter os instrumentos de control político da información”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter incumprido a Lei de Medios Públicos de Comunicación dende o ano 2011. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que criticou que “non quere perder instrumentos de control político da información nin aumentar o grao de autonomía dos profesionais”.

O portavoz socialista advertiu fronte ao incumprimento “de xeito reiterado e contumaz” das normas aprobadas polo Parlamento, dende a Lei de Igualdade ata a Lei de Inclusión Social, deixando sen desenvolver “aspectos cruciais da normativa autonómica”. Acusou a Feijóo de “esquivar á carta” leis “pactadas” como a de Medios, que foi elaborada coa participación do Grupo Socialista para deixala sen cumprir.

Advertiu que a situación é tan grave que o propio Comité de Empresa da CRTVG vén de “asumir funcións contra a manipulación informativa que a Lei di que lle corresponderían ao Consello de Informativos”, sen constituír polo PP. O goberno, dixo, tan só desenvolveu o Mandato Marco e cumpriu co elección parlamentaria do Consello de Administración, cando non do seu director xeral, que debera ser nomeado por maioría cualificada.

O ente carece hoxe dos contratos – programa, o que “debilita a eficiencia económica e o control parlamentario, non aprobou a Lei do Audiovisual nin constituíu o Consello Audiovisual, e tampouco elaborou o Estatuto Profesional nin constituíu o dito Consello de Informativos. A situación, dixo, “afecta ao pluralismo, á neutralidade e á veracidade da información” ademais de “debilitar a gobernanza” da CRTVG.

Fernández Leiceaga suxeriulle ao presidente da Xunta que “aproveite a que ten anunciado que será a súa última lexislatura” para “facer as cousas correctamente, o que significa cumprir integramente as leis, e en concreto esta, que forma parte tamén do marco de xogo e garante a competencia leal entre posicións políticas”.

Subliñou que “non creo que lle deba parecer un exceso que digamos que se cumpra a Lei seis anos despois de aprobala tamén cos nosos votos, en lugar dun cumprimento á carta” e logo de ter “oportunidades e chamadas de atención” en forma de iniciativas parlamentarias que ou ben rexeitaron ou directamente incumpriron.

O portavoz socialista lembrou as palabras do propio portavoz do PP -quen no debate da Lei sinalaba que impulsaría “melloras na eficiencia económica, no fomento do pluralismo e da calidade da información e avance na súa gobernanza”- e puntualizou que “a lexislación non pode ter efectos se non se pon en marcha”.

Proposta

Fernández Leiceaga rematou o debate facendo unha proposta para que o presidente da Xunta se comprometera ao cumprimento integro da Lei “á entrada de 2018”, dispoñendo de “meses” para impulsar o estatuto profesional e “afortalar a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”.

Así, reclamou a constitución do Consello de Informativos como “órgano interno de participación dos profesionais” da CRTVG e escoller ao director xeral por ampla maioría parlamentaria ata o ano 2020. Demandou impulsar o primeiro contrato – programa “ou, se ten problemas, un mecanismo semellante”, informando ao Parlamento “como di o Mandato Marco e rendendo contas como di a propia Lei”.

O responsable socialista advertiu que “doutro xeito, impulsaremos as iniciativas parlamentarias previstas no Regulamento para facer que a Lei se cumpra, da súa man está que o fagamos dun xeito ou doutro”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar