A Xunta "hiperrevoluciona" o impacto do proxecto de drons de Rozas

A Xunta "hiperrevoluciona" o impacto do proxecto de drons de Rozas

A Xunta “hiperrevoluciona” o impacto do proxecto de drons de Rozas

O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, reclámalle ao goberno galego espazo para o sector empresarial galego no proxecto de drons de Rozas. O responsable socialista advertiu que o sector galego “nin está nin se lle espera” nun concurso adxudicado a Indra e Inaer que, dixo, “non construíron un avión na súa vida”.

Losada lembra que a primeira empresa, propiedade da familia March, está especializada en telecomunicacións, mentres Inaer encárgase de servizos aeronáuticos, e alertou que o impacto estimado pola Xunta na industria galega, chegando a anunciar 115 millóns de investimentos e 600 empregos, está “hiperrevolucionado”.

Lembrou que o concurso daba unha puntuación do 5 por cento ás achegas financeiras de reinvestimento, outro tanto a investimentos industriais e o mesmo ao desenvolvemento de cadeas industriais na área de influenza.

O responsable socialista lembrou os “antecedentes de promesas incumpridas” en materia industrial por parte do goberno de Feijóo para revelar unha “preocupante sensación de déjà vu” cando a Xunta presenta o proxecto de Rozas como “a maior aposta industrial de Galicia”. Engadiu que “na economía competitiva do goberno galego sempre hai unha familia, como poden ser Entrecanales, Del Pino ou, neste caso, March”.

Abel Losada recoñeceu sen embargo que este caso é un “proxecto humilde” comparado cos 14.000 empregos e 6.000 millóns do concurso eólico, actualmente paralizado pola xustiza. Lembrou a Plataforma Loxística Plisan, que actualmente alberga un “humidal onde anidan plácidamente as garzas agardando que se recoñeza como zona protexida”, ironizou.

Citou ademais a malograda planta de vehículos eléctricos do concello de Melón, ou a base para combustibles que supostamente ía construír Pemex en Punta Langosteira, os buques flotantes ou os plans Impulsa Lugo e Ourense.

Tecnoloxía militar

O deputado socialista esixiulle ademais ao goberno galego “información e transparencia” sobre a verdadeira natureza do proxecto, xa que logo de desmentir que se trate dun proxecto militar “os cidadáns e algún deputado vemos con certa perplexidade que os carteis do proxecto están asinados como Inta – Ministerio de Defensa”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar