A Xunta fixo "cero vivendas públicas" no que vai de ano

A Xunta fixo "cero vivendas públicas" no que vai de ano

A Xunta fixo "cero vivendas públicas" no que vai de ano

VivendaO portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, criticou hoxe que o recente “furor asinador” de Feijóo en materia de vivenda inaugurado logo das eleccións municipais do pasado 25 de maio resulta “unha gota de auga nun mar de problemas”. Presentou iniciativas parlamentarias nas que contrasta a “hiperactividade mediática” do presidente da Xunta coa súa nula relevancia, en liña do desinterese amosado nos últimos seis anos.

Os datos “miden a magnitude do abandono de Feijóo” cando, de acordo co Ministerio de Fomento, Galicia pasou de construír o 6 por cento da vivenda de promoción pública de todo o Estado, sendo referente nacional, á “absoluta irrelevancia” con tan só o 0,27 por cento en 2014. Desta cifra, sinalou Sánchez Bugallo, Galicia pasou ao “cero por cento” de vivenda pública construída no que vai de 2015, “ningunha”.

Sánchez Bugallo lembrou que en seis anos de goberno de Feijóo, un total de 15.000 familias galegas perderon as súas vivendas, 2.500 delas en 2014 e outras 1.400 só no primeiro semestre de 2015. Fronte a esta situación dramática, o goberno galego tan só paralizou 108 lanzamentos e realoxou a 43 familias, 151 casos, o “ridículo” 1 por cento do total de casos.

7 familias están a perder vivenda cada día

O responsable socialista lamentou que hoxe o goberno galego afirme ter resolto o desafiuzamento de 7 familias, cando “7 familias están a perder a súa vivenda cada día en Galicia” e engadiu que “logo de 194 días, resolvemos o problema de un día”.

Explicou que, a este ritmo, as 10.761 familias galegas demandantes de vivenda protexida e promoción pública tardarían “mais de 250 anos” en dispor das súas residencias. Mentres, engadiu, o goberno galego deixa sen gastar 278 millóns de euros presupostados, e en concreto gastou tan só 280.000 euros dos 22 millóns orzamentados en 2013 para rehabilitación, que elevou a 1,6 millóns de 22 orzamentados en 2014.

Escurantismo

O responsable socialista criticou o escurantismo do goberno galego cos acordos asinados con Abanca, Sareb e Caja Rural para frear desafiuzamentos, malia que foi requirido pola vía formal dende o Parlamento de Galicia. Reclamoulle á Xunta que presente o contido dos acordos e sinale ás entidades coas que foron asinados, así como unha copia do dito acordo entre Abanca e o IGVS.

Tamén reclamou o número de demandantes inscritos no rexistro de demandantes de vivenda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, especificando os que solicitan, compra, aluguer ou aluguer con opción de compra.

Dereito á vivenda

Os socialistas galegos presentaron tamén unha proposición non de Lei na que instan ao goberno galego a que siga os pasos do País Vasco, onde se publica hoxe unha Lei que recoñece a vivenda como un dereito efectivo. “Déixense de blablabla e, si existe vontade política, recoñezan o dereito efectivo á vivenda tamén en Galicia”, remachou.

A proposta socialista demanda a presentación en 3 meses dun proxecto de Lei no que se recoñeza explicitamente como dereito subxectivo “o dereito a unha vivenda digna e axeitada a favor dos que non dispoñan dela e carezan dos recursos económicos precisos para acadala”.

Ademais, reclama que no mesmo proxecto de Lei “se asegure o dereito á vivenda das persoas afectadas por desafiuzamentos, tanto provenientes de execucións hipotecarias como de non pagamentos de rendas cando carezan de recursos económicos para facerlles fronte, co fin de que poidan continuar ocupando a súa vivenda”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar