A Xunta fai "mutis" fronte a supresión de Rexistros da Propiedade

A Xunta fai "mutis" fronte a supresión de Rexistros da Propiedade

A Xunta fai “mutis” fronte a supresión de Rexistros da Propiedade

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao goberno galego de “facer mutis” fronte á supresión de dez rexistros da propiedade en Galicia, que “de entrada van quedar sen rexistrador”. Na sesión de control ao goberno, a deputada socialista lembrou que autonomías como Andalucía ou Cataluña contan con competencias para fixar as demarcacións xudiciais.

A responsable socialista cualificou de “incomprensible” que o goberno galego renuncie a reclamar unha competencia que, ademais de estar recoñecida polo Estatuto de Autonomía, permitiría garantir un servizo público rexistral acaído ás peculiaridades do territorio galego. Instouno a “pedir ou votar a favor da iniciativa que acabamos de presentar os socialistas” na Cámara autonómica.

Os socialistas preguntaron así por unha decisión do Ministerio de Xustiza, que o pasado 3 de marzo aprobou un Real Decreto polo que os rexistros de Bande e Celanova pasarán ao de Allariz, os de Ribadavia, Verín e Viana do Bolo trasladaranse a O Carballiño, Muros a Corcubión, Quiroga a Monforte, A Fonsagrada a Ribadeo, Becerreá a Sarria e Ponte Caldelas a Redondela.

Ademais dos evidentes problemas nos concellos do interior, explicou, a nova configuración provocará situacións como a dos veciños de Muros, que deixarán de ter un rexistro propio a ter que desprazarse ata Corcubión sen ter liñas de transporte público. Este mesmo rexistro asumirá tamén á poboación por exemplo da Serra de Outes, que non poderá dirixirse ao rexistro de Noia, situado apenas a 7 quilómetros.

Todos eles, dixo, pasarán a ser tan só oficinas de recepción de documentos, e “de momento” estarán sen rexistrador, xa que a Dirección Xeral de Rexistros e Notariado elaborará estudos para a modificación rexistral “nun prazo de tres anos”, en base a estudos de fontes oficiais ou, “cando non fose posible, noutras fontes debidamente motivadas”.

Vilán criticou que os ditos estudos “para comezar non tiveron en conta a participación dos máis importantes neste asunto, como son os concellos”, que trasladaron unha circular a través da Fegamp para reclamarlle ao Ministerio de Xustiza que mantivera os rexistros da propiedade intactos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar