A Xunta estangula ás bibliotecas galegas

A Xunta estangula ás bibliotecas galegas

A Xunta estangula ás bibliotecas galegas

O portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Emilio Vázquez, acusou hoxe ao Goberno galego de ter estrangulado o orzamento dispoñible para as bibliotecas galegas, provocando o peche de establecementos e a redución nas adquisicións de libros. Así o dixo na comparecencia do secretario xeral de Cultura en Comisión parlamentaria para dar conta do Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O responsable socialista sinalou os recortes aplicados polo goberno galego nas partidas destinadas a bibliotecas, como a redución dun 77 por cento os orzamentos para a adquisición de fondos bibliográficos. Isto provocou que Galicia pasara de ter 550 bibliotecas en 2008 a 497 en 2016, de acordo co informe elaborado polo Consello da Cultura de Galicia.

Nos últimos oito anos, dixo, o número de bibliotecas municipais descendeu un 15 por cento, e as bibliotecas privadas de acceso público un 25 por cento, cando o 57,7 por cento pertencen á administración local, o 17,5 por cento son de titularidade privada e só o 5,2 por cento teñen titularidade autonómica. A consecuencia é un descenso de dous millóns no número de visitas, pasando de 11,8 en 2008 a 9,8 en 2014.

Sen embargo, sinalou, malia ás enormes dificultades e os profundos recortes, o número de libros prestados aumentou un 20 por cento en seis anos, dende 2,5 millóns en 2008 a 2,9 en 2014, e os galegos e galegas que acudiron algunha vez no ano a unha biblioteca aumentou do 13,4 por cento ao 18,6, aínda que por debaixo do 22,7 por cento estatal.

Estas cifras revelan que “é imprescindible recuperar a inversión e o apoio á rede de bibliotecas públicas”, e acusou ao goberno galego de utilizar a política de apoio ás bibliotecas como “puro electoralismo”, anunciando agora “todo o que non se fixo durante catro anos”.

Incumprimento

Así, acusou á Xunta de incumprir a Lei de Bibliotecas de 2012, que daba un prazo de seis meses para aprobar o Mapa de Bibliotecas de Galicia, que debera ser actualizado e publicado cada catro anos. Sinalou que hoxe, catro anos despois, é a primeira vez que o goberno galego ofrece algunha información sobre o dito Mapa de Bibliotecas, polo que “hoxe deberiamos estar falando da súa primeira actualización”.

Explicou que o goberno galego incumpre unha Lei que aprobou o PP en solitario rachando co consenso que tiña a anterior Lei de Bibliotecas, tal e como sucedeu coa Lei de Patrimonio, para aprobar unha norma que supuña un retroceso en moitos ámbitos.

Dixo que o Goberno galego pretende tapar con anuncios electorais o que é un clamor, que como é a supresión dos recursos para as bibliotecas públicas, xa que “a única partida que sube é a de animación á lectura, tan só 40.000 euros”, mentres a promoción da edición en galego recibe catro veces menos que en 2009, e a promoción do libro e a lectura ou as feiras do libro permanecen estancadas.

A partida destinada á adquisición de fondos bibliográficos, dixo, reduciuse drasticamente dende os 2,4 millóns de euros en 2009 aos apenas 560.000 de 2016, mentres o goberno galego deixa fora destas axudas ás bibliotecas públicas dos concellos de máis de 30.000 habitantes, deixando fora a case a metade da poboación de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar