A Xunta é cómplice dos "contratos estrela" de NCG

A Xunta é cómplice dos "contratos estrela" de NCG

A Xunta é cómplice dos "contratos estrela" de NCG

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo que a Xunta é “cómplice dos contratos estrela” de NCG Banco. Nunha comparecencia ante os medios, reclamou ao goberno galego copia dos contratos de alta dirección e as indemnizacións de tódolos directivos da entidade, as actas da Comisión de Control e a escritura de constitución da nova Fundación.

Losada dixo que a Xunta “non pode escamotear as súas responsabilidades” e considerou “imprescindible que dea explicacións” diante do escándalo polas indemnizacións dunha entidade “que necesitou mais de 2.400 millóns de euros”. Criticou a “traxectoria escura e ineficiente da Xunta” neste proceso que provocou “alarma social obxectiva e indignación” e, dixo, “non queremos unha situación semellante nos próximos anos”.

Dixo así que as “fichaxes estrela a maior gloria das fotos de Feijóo non poden ter un custe esaxerado cando finalicen os contratos” e reclamou ao presidente da Xunta que “evite botar balóns fora e buscar culpables no Banco de España e no Goberno de España para non asumir as súas responsabilidades”.

O responsable socialista emprazou á conselleira de Facenda a dar conta, na súa comparecencia no Pleno da próxima semana, dos contratos asinados con estes altos cargos. En calquera caso, os socialistas tramitaron unha serie de peticións formais de información ao Goberno para que presente na Cámara os contratos de alta dirección e as indemnizacións por cese dos directivos das antigas caixas fusionadas.

Losada reclamou tamén as copias das actas da Comisión de Control de NCG, da que forma parte o Goberno galego e que está encargada de supervisar a documentación que tramita o Consello de Administración. Dixo que a Xunta “forma parte dos órganos de goberno da caixa”, polo que “debe ter no seu poder a copia das actas”.

Finalmente, solicitou unha copia da escritura de constitución da Fundación Novacaixagalicia que “reflicte o compromiso da entidade coa obra social” e a súa execución en territorio autonómico.

Apoio e confianza

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia trasladou “todo o apoio e confianza do PSdeG-PSOE” ao vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, logo das acusacións lanzadas “por un delincuente” presuntamente implicado na Operación Campión.

En resposta ás preguntas dos xornalistas, dixo que “non dimite porque ten a conciencia tranquila e nada que ocultar” e que, tal e como anunciou “defenderá a súa honorabilidade nos tribunais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar