A Xunta deixa sen executar máis da metade das bolsas universitarias

A Xunta deixa sen executar máis da metade das bolsas universitarias

UniversidadeA portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou ao goberno galego de deixar sen executar máis da metade do orzamento previsto para bolsas universitarias. Burgo presentou unha interpelación no Pleno que se celebrou hoxe na que acusou á Xunta de “procurar por tódolos medios non investir nin gastar” o diñeiro dispoñible para estas axudas.

A deputada socialista acusou a Feijóo de “deixar a moitos mozos e mozas polo camiño” ao poñer condicións “imposibles” para conceder as bolsas universitarias, incumprindo deliberadamente a súa obriga de garantir a equidade e a igualdade de oportunidades. A Xunta, dixo, “non resolve” a política de supresión de bolsas de Wert e só concede bolsas para matrícula para os alumnos que non cumpren os requisitos das axudas estatais.

Revelou neste sentido que, de acordo cos datos oficiais, dende 2009 ata 2016 os fondos do Ministerio para bolsas diminuíron un 24 por cento de acordo cos datos oficiais, co que as bolsas medias do ano 2015, dixo, están por debaixo do nivel do curso 2004-2005, o que “resume a política que están a levar vostedes”.

Ademais, dos 3,18 millóns de euros orzamentados para bolsas polo goberno galego “non executan nin a metade”, xa que, revelou, no ano 2015 Educación “fixo tres transferencias de crédito” polas que destinou 1,7 millóns do diñeiro previsto para bolsas, o 45 por cento, a gastos de funcionamento dos centros.

Burgo puxo sobre a mesa tamén o “truco” do goberno galego de convocar bolsas “por debaixo do orzamentado”, xa que malia que para 2015 tiñan previstos 3,18 millóns en bolsas universitarias, “sumando tódalas súas convocatorias, só suman pouco máis de 2 millóns de euros”.

A esta situación súmase o endurecemento dos requisitos das bolsas da Comunidade Autónoma, imposibles para as familias que non chegan ao salario mínimo interprofesional, co que só están a conceder o 43 por cento das solicitudes presentadas. Esta situacón supón de facto que estudantes con capacidade e necesidade real de axudas non poden acceder a uns estudos “cada vez máis elitistas” e as universidades teñen que complementar as axudas cuns orzamentos propios decrecentes.

Dixo que a consecuencia destas políticas é que dende 2011 ata hoxe mais de 7.000 bolseiros deixaron de percibir as súas axudas e, de acordo co INE, case o 9 por cento dos bolseiros están xa fora do Sistema Universitario Galego.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar