A Xunta deixa sen executar 100 millóns de euros de emprego

A Xunta deixa sen executar 100 millóns de euros de emprego

A Xunta deixa sen executar 100 millóns de euros de emprego

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe que os datos sobre a baixa execución orzamentaria da Xunta no ano pasado demostran “algo máis que desleixo, é incuria, falla de iniciativa e de compromiso”. Sinalou que “onde hai actuacións discrecionais a execución é moito máis baixa do desexable” e apuntou sinaladamente aos programas de Promoción de Emprego.

O portavoz socialista advertiu que o goberno galego deixou sen executar ata 100 millóns de euros nestes apartados, onde apenas chega ao 60 por cento de cumprimento dos seus compromisos. Explicou así que no programa de Fomento da Empregabilidade (3.2.2.a) deixou 49 millóns sen executar, o 50 por cento, a mesma porcentaxe do programa de Formación de Profesionais (3.2.3.a), onde deixou sen gastar máis de 40 millóns de euros.

Continuou con exemplos como o programa de Mellora de de Cualificación de Empregados (3.2.3.b), do que apenas executou o 17 por cento. Sinalou que, logo de coñecer estes datos e precisamente co nivel de desemprego de Galicia, “se non hai ceses, dimisións ou cambios drásticos na xestión é que o nivel de esixencia da Xunta está por debaixo dos mínimos esixibles”.

As cifras do goberno galego, dixo, “non están á altura do que debe ser unha administración moderna”. Revelou que o goberno galego chegou a retirarlle “ducias de millóns de euros” aos fondos para investigación a través de modificacións de crédito para investilos noutros programas e mellorar artificialmente o seu índice de execución, cando o gasto real é “moito menor”.

Advertiu tamén unha execución “por debaixo do razoable nos gastos de Medio Rural, sinaladamente en ordenación forestal e fomento do asociacionismo, ou no fomento de enerxías renovables.

Heraldo de malas novas

O portavoz socialista sinalou tamén á falla de peso de Feijóo en Madrid, fronte ao auxe do “triángulo europeo” entre País Vasco, Madrid e Cataluña, como orixe do escaso peso dos investimentos para Galicia nos orzamentos presentados polo Goberno a semana pasada. Ese é o motivo, apuntou, da visita da vicepresidenta a Galicia, á que cualificou de “heraldo de malas novas”.

Fernández Leiceaga fixo un paralelismo entre esta e a viaxe anterior do ministro de Fomento, quen visitou Galicia para poñer en cuestión os ritmos de execución do AVE. Sinalou que “prefeririamos que –Sáenz de Santamaría- non tivera que cumprir esa función” logo do anuncio de investimento en Cataluña e do compromiso de investimento no AVE entre Madrid e o País Vasco para conseguir o apoio do PNV.

A realidade, dixo, é que “o problema de peso político –de Feijóo- compromete os investimentos de futuro” en Galicia, e sinalou ás necesidades do AVE, as intermodais ou a conexión dos portos de interese xeral coas liñas ferroviarias, así como a modernización das liñas de mercadorías.

Tamén están no debe do goberno central a autovía Santiago – Lugo, a circunvalación de Pontevedra, a conexión con Portugal a través de Porriño, os problemas de brétema na A-8 ou o inicio da A-76.

Reclamoulle a Feijóo un “control dilixente, preciso e intenso” dos niveis de execución do Estado en Galicia, xa que ademais de presentar uns investimentos para Galicia inferiores aos de Zapatero en 600 millóns de media cada ano, as cifras de execución sitúanse por debaixo do 40 por cento. Isto supón que o 40 por cento dos investimento reprográmanse “acumulando retrasos considerables nas infraestruturas para Galicia”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar