A Xunta deixa esmorecer os Centros de Planificación Familiar

A Xunta deixa esmorecer os Centros de Planificación Familiar

Madre_BebeA deputada socialista Marian Ferreiro acusou hoxe ao goberno galego de “deixar esmorecer” os Centros de Planificación Familiar de Galicia, que padecen a falla de complementariedade e coordinación dos servizos, obrigados a ir “cada un ao seu” sen dirección do goberno galego. Así o dixo logo do veto do PP a unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta un Plan de Viabilidade destes centros.

A deputada socialista criticou o desleixo do goberno de Feijóo, que provoca a desigualdade na atención que ofrecen estes centros a en torno a un millón de persoas en idade fértil en Galicia. Advertiu que o caos no que está sumido este servizo provoca entre outras cousas que Galicia teña sido unha das tres únicas comunidades autónomas do Estado nas que non teñen baixado os datos de interrupción de embarazos.

O goberno galego ten desbotado o Plan Integral de Saúde da Muller, aprobado pola Xunta presidida polo socialista Emilio Pérez Touriño en 2008, e que supuña un “avance importante” na atención á saúde sexual e reprodutiva dende a perspectiva sanitaria. Este modelo, que garantía a universalidade na accesibilidade, determinaba centros de referencia e coordinaba os recursos, nunca foi implantado polo PP.

O goberno de Feijóo, dixo, “non aplicou este modelo nin ningún outro” porque “non teñen valor para pechar os Centros de Planificación nin a capacidade de formar outro modelo de atención”. A situación fai “absolutamente imposible unha atención eficaz ao planeamento familiar” en Galicia, e os poucos que funcionan de forma acaída mesmo son xestionados polos concellos galegos.

Hoxe, explicou, hai centros con profesionais da psicoloxía, traballadores sociais ou administrativos, outros que carecen de algún destes servizos, outros con xinecólogas a tempo parcial ou directamente sen estes profesionais, uns que dependen de hospitais e outros que non.

Sinalou que “a planificación familiar non se limita a dar a pílula para interromper o embarazo ou implantar un dispositivo intrauterino, trátase de ofrecer unha atención interdisciplinar que non poden dar porque non hai profesionais asignados nin formados” para esta función.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar