A Xunta deixa á Fundación NCG "ao servizo dos intereses dunha entidade financeira"

A Xunta deixa á Fundación NCG "ao servizo dos intereses dunha entidade financeira"

A Xunta deixa á Fundación NCG "ao servizo dos intereses dunha entidade financeira"

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou ao goberno galego de permitir que a antiga obra social das extintas caixas galegas “non teña mais obxectivo que servir de peana aos intereses publicitarios e mercantís dunha entidade financeira”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Política Financeira e Tesouro sobre a situación da Fundación.

Méndez Romeu alertou que Abanca, entidade herdeira das antigas caixas de aforros galegas en mans agora da venezolana Banesco, contará cun 32 por cento do voto dentro da Fundación malia aportar o 16 por cento do seu financiamento. Responsabilizou ao goberno galego da “sobrerrepresentación” que terá a entidade e que garantirá que responda “mais á responsabilidade social corporativa da empresa que ao interese xeral”.

Denunciou ademais a “opacidade sorprendente” coa que o goberno galego ten xestionado o proceso dende o comezo da fusión das caixas, en 2010, ata o momento, e salientou que o goberno galego nin tan sequera aportou o convenio entre a Fundación e a entidade “que ao parecer é tan importante como para determinar o seu futuro”.

Dixo que o papel da Fundación ao servizo dos intereses da entidade resulta “lexítimo, pero non deste xeito e baixo as directrices expresas do goberno galego”. Advertiu que deixar a presidencia da Fundación aos representantes de Abanca por decisión do goberno galego evidenciaría o seu “rumbo a prol da imaxe corporativa antes que atendendo a un servizo público”.

Advertiu que a entidade renuncia a xogar un papel mais ambicioso a prol das políticas culturais e sociais, a súa razón fundacional, nunha institución “moi diminuída con respecto ao pasado”. A Fundación, dixo, veu diminuído o seu orzamento nun 63 por cento o seu orzamento dende o comezo do proceso de fusión, en 2010, sen que se teña proposto ningunha revisión das liñas de actuación e evidenciando un “estado letárxico”.

Acusou ao goberno galego de ter renunciado á entrada de outras entidades na Fundación, o que faría posible un modelo de financiamento mais diversificado “que evitara a subordinación aos intereses estratéxicos dunha soa entidade”.

Advertiu que para salvagardar os obxectivos e funcionamento a longo prazo “cumpre garantir fontes de financiamento diversificadas e unha liña estratéxica que responda aos intereses da sociedade galega “e non inferior ao limiar acadado no pasado”.

Criticou como primeiro exemplo que o aluguer dunha planta nas instalacións da Fundación de A Coruña a unha galería de arte “en condicións opacas e sen concurso público” demostra un camiño erróneo por canto vulnera a libre competencia das outras galerías da cidade.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar