A Xunta debe restituír o investimento escamoteado á educación pública

A Xunta debe restituír o investimento escamoteado á educación pública

A Xunta debe restituír o investimento escamoteado á educación pública

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, desafiou hoxe ao conselleiro de Educación a que “demostre esa recuperación económica da que presumen restituíndo o investimento escamoteado á educación pública”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Educación no Parlamento para dar conta do comezo do curso escolar 50 días despois da súa apertura.

Docasar advertiu que os orzamentos da Xunta para o próximo ano supoñen “a puntilla a seis anos de ataques consecutivos ao ensino público, á cultura e á lingua de Galicia que teñen que cambiar si é certo que a recuperación chegou”. Nestes seis anos, explicou, o goberno galego reduciu 400 millóns de euros o orzamento en educación, pasando de investir 860 euros por habitante en 2009 a tan só 670 en 2014.

Nesta etapa, engadiu, foron eliminadas 2.200 prazas de profesores, impuxeron copagos en libros de texto e comedores escolares, impediron a reparación de infraestruturas e materiais e situaron as condicións laborais dos profesores e profesoras a niveis de penosidade, mentres tan só dende a chegada de Rajoy á Moncloa recortaron 275 millóns de euros para bolsas e encetou unha “auténtica aldraxe á nosa cultura e á nosa lingua”.

O responsable socialista criticou a un goberno “ao que lle gusta moito mai mandar que gobernar”, como pon de manifesto o grave conflito no concurso de traslados do profesorado, declarado ilegal, a posta en marcha “precipitada” da Lomce, a “política inxusta, cambiante, caótica e trapalleira cos libros de texto” e unha política de bolsas “cruel, elitista e clasista”.

Responsabilizou ao goberno galego de poñer en perigo a equidade do sistema educativo galego e a excelencia, de acordo co último informe Pisa, que revela unha lixeira melloría nos datos de Galicia grazas ao traballo dos profesionais do ensino público e a unha Lei Orgánica de Educación deturpada polos gobernos do PP.

Propostas

O responsable socialista anunciou o compromiso dos socialistas de incrementar o investimento educativo ao 7 por ceno do PIB, fronte ao 4,58 por cento ao que o ten reducido os gobernos do PP. Docasar desgranou hoxe o decálogo de propostas socialistas para recuperar o ensino público, que comezan coa reposición progresiva das condicións laborais e profesionais do colectivo docente, recuperando as 2.200 prazas destruídas polo PP.

Continuou co compromiso de poñer en marcha tres plans plurianuais para a mellora das instalacións obsoletas dos centros educativos galegos, a renovación dos equipamentos didácticos dos centros educativos, nomeadamente os equipamentos informáticos, e a corrección da fenda dixital entre os centros do rural e do urbano.

Sinalou ademais o compromiso explícito de que “ningún neno ou nena do ensino obrigatorio quede sen praza de comedor cando o necesite nin asista a clase sen libros de texto ou material escolar para os rapaces con necesidades educativas especiais, así como a recuperación das contías dos centros para gastos de funcionamento. Comprometeuse a recuperar o investimento destinado á lingua galega e recuperar o consenso lingüístico.

Tamén reclamoulle ao conselleiro o compromiso formal en sede parlamentaria de “non poñer en marcha ningunha das 20 fechorías/recomendacións suxeridas polo ministro Montoro para a educación”, en concreto a implantación do copago do transporte escolar.

Finalmente, reclamoulle ao conselleiro que se sente cos reitores galegos para comprometerse a recuperar progresivamente os orzamentos escamoteados ao sistema universitario.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar