A Xunta debe paralizar a Lomce "de xeito inmediato"

A Xunta debe paralizar a Lomce "de xeito inmediato"

A Xunta debe paralizar a Lomce “de xeito inmediato”

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, reclamoulle hoxe á Xunta a “inmediata paralización do calendario de implantación da Lomce en Galicia”. O responsable socialista ofreceuse a manter unha entrevista co conselleiro de Educación para “explicarlle que non queremos xerar un baleiro legal, queremos substituír unha norma ineficaz por outra mellor e de consenso”.

Docasar sinala que a aprobación esta semana no Congreso, por iniciativa do PSOE, do comezo da tramitación da paralización da norma, fai necesario que o goberno galego paralice o seu calendario de implantación, que “segue sendo precipitado, caótico, inasumible, trapalleiro e temerario”.

Esixiulle así á Xunta que paralice “de maneira inmediata” a reválida de sexto de primaria do próximo maio e a de segundo de Bacharelato, e que “deixen de enganar, manipular e confundir á opinión pública”. Explicou que para evitar o baleiro legal de derrogar a Lei sen substituíla é preciso primeiro paralizala, a continuación acordar un novo texto co conxunto da comunidade educativa e finalmente derrogar a Lomce.

Acusou ao goberno galego de secundar a implantación dunha norma que supuxo que “este país perdera por motivos sectarios e claramente partidarios unha nova oportunidade de dotar de estabilidade ao sistema educativo”. Dixo que “quixeron deixar atada e ben atada unha Lei educativa que ninguén quería, pero esqueceron o pequeno detalle de que había pendentes unhas eleccións xerais”.

Por este motivo, advertiu, no caso de cristalizar un goberno presidido por Pedro Sánchez “demostraremos que temos memoria” e abordarán unha nova Lei educativa “con amplo consenso social e político e con capacidade real de durar no tempo”. O próximo goberno, dixo, “iniciará o camiño para acadar en oito anos un investimento educativo do 7 por cento do PIB”.

Será un goberno socialista, continuou, o que comece a recuperar os 400 millóns de euros que ten perdido a educación en Galicia cos gobernos de Feijóo, e quen “comece a repoñer progresivamente as condicións laborais e profesionais arrebatadas ao profesorado e as bolsas suprimidas aos nosos estudantes”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar