A Xunta debe impulsar a contratación de empresas galegas nos seus concursos públicos

A Xunta debe impulsar a contratación de empresas galegas nos seus concursos públicos

A Xunta debe impulsar a contratación de empresas galegas nos seus concursos públicos

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, presentou unha proposición non de Lei na que lle reclama á Xunta que impulse a contratación de empresas galegas nos concursos públicos convocados nesta Comunidade Autónoma. Advertiu que a Xunta está a potenciar a contratación de grandes empresas foráneas prexudicando ás Pemes galegas.

Méndez Romeu reclamou a aplicación dun modelo de boas practicas para garantir que as empresas galegas poidan concorrer nunhas mellores condicións de competitividade e acadando unha maior sostibilidade. Así, reclamou que o goberno galego favoreza a creación de UTES galegas e que mellore o uso da Plataforma de Contratación.

Tamén instou a usar técnicas de racionalización na contratación pública como os acordos- marco, os sistemas dinámicos de contratación, a contratación centralizada, coni estratexias que non dificulten o acceso das Peme. Sinalou que o goberno galego debe evitar o agrupamento de empresas en contra da súa natureza, así como recorrer ao fraccionamento dos concursos en lotes que garantan a participación das empresas galegas.

Finalmente, reclamou unha serie de medidas que melloren a eficiencia da contratación pública, establecendo garantías de solvencia, regulando a subcontratación, regulando o pago en 30 días e impedindo a externalización de contratacións para empresas que reciban subvencións do goberno galego.

Méndez Romeu acusou ao goberno galego de buscar empresas foráneas, co que renuncia a utilizar os procedementos de contratación para impulsar e apoiar ás empresas galegas, utilizando os contratos de forma perversa. Sinalou que nomeadamente os servizos contratados nos hospitais de Ferrol e Ourense impiden que as empresas galegas poidan optar aos contratos.

Ademais, o goberno galego recorre a provedores alleos a Galicia, e como exemplo citou a contratación de lencería e vestiario polo Sergas, que contratou a un único provedor alleo a Galicia que ao seu tempo subcontrata con empresas téxtiles de Marrocos. Ademais, permite que os contratistas deslocalicen fora de Galicia o seu servizo, como o caso da atención telefónica de Arteixo Telecom.

Finalmente, criticou o abuso dos procedementos de contratación directa e contratos negociados “prexudicando a libre competencia”, e a notoria descoordinación interna entre os distintos departamentos do goberno galego “que demostra carecer dunha visión global dos problemas”.

Enerxía

O parlamentario socialista presentou tamén unha Interpelación na que lle reclama ao goberno galego que explique qué xestións está a facer co Ministerio de Industria para que os particulares e as empresas de Galicia teñan unha tarifa eléctrica mais barata, por ser unha Comunidade Autónoma excedentaria, e o impulso ás enerxías renovables.

Advertiu que o real decreto que ven de aprobar o goberno central en realidade supón a suba da tarifa eléctrica para tódolos usuarios nun 3,2 por cento a partir de agosto mentres impide o desenvolvemento do sector das enerxías renovables e de autoconsumo, punteiro en Galicia.

Méndez Romeu reclamou un novo marco de incentivos a través do Inega ou do Igape para beneficiar ás empresas galegas das renovables, mentres o goberno galego debe de “facer a posición da industria enerxética de Galicia”.

Advertiu que o goberno central, en lugar de eliminar o déficit de tarifa, en realidade “establece mecanismos para que os usuarios teñan que pagar o déficit de tarifa”, mentres “non resolve nada” con relación aos problemas do subminsitro, á dependencia dos combustibles fósiles ou á mellora da competitividade da industria.

Dixo que este decreto mantén a incertidume sobre o sector eólico galego que ten o seu investimento comprometido logo do cambio no sistema de primas, e fai “inviable” o desenvolvemento das enerxías renovables.

Tax lease

En resposta a preguntas dos xornalistas, Méndez Romeu sinalou que, logo da resolución da UE sobre o tax lease, o sector naval necesita da participación dos gobernos central e galego para “unha nova etapa, que é a da construción de buques”. Sinalou que “o problema está agora nas mans dos gobernos de España e Galicia, que deben resolver a decisión comunitaria e explicar cómo aplican a resolución”.

Así, dixo, o Ministerio de Facenda debe de aclarar agora cómo acada a devolución das axudas do tax lease aplicadas dende o goberno de Aznar ao tempo que garante que os investidores participan do novo marco de desgravacións fiscais, que agora si está aprobado pola UE, ao tempo que afrontan o pago das axudas anteriores.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar