A Xunta debe financiar o transporte metropolitano de Vigo cumprindo coas súas competencias

A Xunta debe financiar o transporte metropolitano de Vigo cumprindo coas súas competencias

O deputado socialista Manel Gallego reclamoulle hoxe ao goberno galego que incremente o financiamento do transporte metropolitano de Vigo atendendo ás competencias exclusivas da Comunidade Autónoma. Así o dixo no debate dunha proposta do PP para incluír o transporte na Área Metropolitana, no que Gallego acusounos de intentar “gobernar Vigo dende a Xunta”.

O responsable socialista lembrou que o Concello dedícalle actualmente 15 millóns de euros ao transporte metropolitano, 12,3 para subvencionar aos usuarios e 3 ao transporte aéreo, mentres a Xunta destina a este fin “pouco mais do 10 por cento” do que gasta o Concello. Sinalou que “non semella razoable que a cidade de Vigo dedique a subvencionar o transporte no seu ámbito máis que a Xunta de Galicia para todo o territorio galego”.

Gallego criticou hoxe o “cinismo político” do PP e do goberno galego ao utilizar a Área Metropolitana para “intentar gobernar Vigo dende a Xunta”, e lembrou que a normativa que regula este ente debera estar “en fase de modificación logo do acordo entre Abel Caballero e Núñez Feijóo”.

Advertiu que o PP “en realidade non quere a Área Metropolitana de Vigo” salvo para impoñer os criterios políticos do seu partido na maior cidade de Galicia. O parlamentario socialista defendeu como “racional e lóxico” que sexa a Área Metropolitana a que decida o transporte dentro do seu límite territorial e competencias”.

Puntualizou que “non ten que ser necesariamente baixo os mesmos criterios que está a impoñer a Xunta de Galicia” logo do necesario traspaso de competencias e medios –tamén financeiros- dende o goberno galego a favor desta nova institución.

Lembrou ademais a defensa pechada do alcalde de Vigo dos intereses dos vigueses e viguesas opoñéndose a este convenio tal e como fora plantexado orixinalmente polo PP en solitario, atendendo á intervención e os técnicos municipais, que informaron desfavorablemente sobre o mesmo.

Mentira

O responsable socialista criticou as “mentiras” da ex conselleira e candidata do PP nas pasadas eleccións municipais, Elena Muñoz, quen “non hai moitos meses sentábase no goberno da Xunta que aprobou a Lei de Área Metropolitana de Vigo e que agora pide que se lle dea o peso que lle corresponde”. Acusouna de “mentir aos vigueses e viguesas cando asegura que os socialistas non presentaron alegacións á Lei, cando o certo é que presentamos alegacións, e moitas, á Lei”.

Dixo que “o PP segue sen decatarse do que ten acontecido nas eleccións do 22 de maio, seguen sen comprender a mensaxe que lles deron os vigueses e viguesas” e advertiu que “de seguir por este camiño corren un serio risco de desaparecer e volverse irrelevantes para a sociedade da primeira cidade de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar