A Xunta debe empregar a flexibilización do déficit para reverter os recortes en servizos sociais

A Xunta debe empregar a flexibilización do déficit para reverter os recortes en servizos sociais

A Xunta debe empregar a flexibilización do déficit para reverter os recortes en servizos sociais

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, reclamoulle á Xunta que asuma a flexibilización do obxectivo de déficit que ven de autorizar Bruxelas e asumir o Goberno central para recuperar os recortes asestados aos servizos sociais. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Facenda, hoxe no Pleno do Parlamento.

O responsable socialista advertiu que loita contra o déficit a ultranza asumida por Feijóo sen incorporar medidas de impulso económico provocou a ralentización da actividade económica, que implicou recesión, desemprego, caída de recadación fiscal e, polo tanto, mais déficit e “unha miseria cruel” para boa parte de poboación.

Por iso reclamou que o Goberno galego destine os posibles aumentos derivados da flexibilización do obxectivo de déficit a suprimir os recortes aplicados por Feijóo en política educativa, sanidade pública e os programas sociais. Reclamou neste sentido que os novos ingresos supoñan que o goberno paralice o novo gravame dos comedores escolares para o próximo curso.

Advertiu que de acordo coas previsións económicas “non se acadará un ritmo de crecemento mínimo necesario para lograr unha diminución do paro” ao prever un decrecemento do PIB galego, cando a realidade é que “se necesita dun crecemento próximo ao 1,5 por cento para que se produza o crecemento neto do emprego”.

Esta circunstancia, unida á falla das previsións económicas do goberno galego, que no ano pasado desviouse nun 145 por cento nas previsións de crecemento, supoñen que a taxa de paro continuará por enriba do 20 por cento ao remate da lexislatura. Lembrou que mentres Feijóo asumiu o goberno cun 12,35 por cento do paro, hoxe atópase no 22,35 por cento.

Sinalou que Galicia ten hoxe 170.000 ocupados menos que cando Feijóo asumiu o goberno, mentres o sector industrial perdeu unha cuarta parte dos seus traballadores, perdendo preto de 50.000 postos de traballo, un axuste mais duro que na desindustrialización dos anos 80.

González Santín subliñou que Galicia ten hoxe 33.000 fogares sen ingresos, un 32,5 por cento mais que fai un ano, e a taxa de paro xuvenil sitúase no 38,9 por cento, superando por primeira vez á taxa de ocupación xuvenil, do 34,3 por cento.

Endebedamento

Dixo que “a comparecencia do goberno de hoxe mostra ben ás claras que estamos diante dun goberno sen formulación propia e pendente de obedecer aos criterios dos ministros De Guindos e Montoro”. Advertiu que ademais de rematar a lexislatura sen solucionar o problema do paro, continuará co deterioro nos servizos públicos, sen impulsar os investimentos pendentes e triplicando o volume de débeda das familias galegas.

O responsable criticou que, fronte á imaxe de presunto bo xestor e de control do déficit que cultiva o presidente da Xunta, a realidade é que a débeda pública do sector público duplicouse dende que asumiu o goberno, pasando de 4.096 millóns de euros en 2009 a 8.228 en 2012.

Esta situación é aínda mais grave si se engaden as obrigas de pago adiado, co que a débeda real, incluíndo as amortizacións e os contratos das concesións privadas ascenderá aos 12.000 millóns de euros, un 140 por cento mais que os 5.000 millóns de euros contabilizados en 2009.

Esta é a realidade, dixo, das contas da xestión de Feijóo, quen, de acordo co DOG publicado hoxe, mantén sen pagar un 24 por cento das ordes de pago de investimentos de capital e transferencias asumidas polo goberno galego no último trimestre de 2012, mentres deixan sen executar o 33 por cento dos investimentos orzamentados.

González Santín alertou dun “panorama tremendamente alarmante” para os próximos anos, nos que o desleixo do goberno galego coincidirá cun incremento paulatino e imparable do importe das amortizacións que terá que pagar o goberno galego. Esta situación provocará unha diminución do gasto social ao dispor de menos diñeiro por ter que pagar a débeda.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar