A Xunta debe desbloquear o subministro das vacinas da varicela e da meninxite b

A Xunta debe desbloquear o subministro das vacinas da varicela e da meninxite b

A Xunta debe desbloquear o subministro das vacinas da varicela e da meninxite b

Carmen Acuña reclámalle ao goberno galego que axuste o calendario de vacinación ás recomendacións da Asociación Española de Pediatría e dos expertos sanitarios “antes que en criterios economicistas”.

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, esixiulle á Xunta que desbloquee “de inmediato” o subministro das vacinas da varicela e da meninxite tipo B ás farmacias galegas. Así o dixo logo de constatar a través dos medios de comunicación un repunte da varicela nun 80 por cento logo da retirada das vacinas.

Acuña anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego ademais que axuste os calendarios e os criterios de vacinación ás recomendacións da Asociación Española de Pediatría e aos múltiples expertos sanitarios. Alertou que a imposición de criterios “meramente economicistas” supón “xogar coa saúde das persoas” e lembrou que “a medio e longo prazo sempre é mais caro curar que previr”.

A responsable socialista alertou que os “xogos perigosos” coa vacina da varicela por parte dos responsables da sanidade pública supón que o repunte se teña cebado na primeira infancia e nas nais adultas, “precisamente os dous grupos de idade que mais complicacións adoitan padecer”.

Considerou “inexplicable e mesmo temerario” que o goberno galego persista na vacinación da varicela aos 12 anos, en lugar de na primeira infancia, como recomendan os profesionais, e mesmo agora “vemos cómo as farmacias non poden subministrar unhas vacinas que permanecen bloqueadas polo goberno.

Meninxite B

Un caso semellante ao da meninxite B, unha doenza moi grave que é prevalente en Galicia “para a que afortunadamente existe vacina pero inexplicablemente o goberno galego impide a súa subministración salvo na atención hospitalaria “contra o criterio dos expertos en vacinación que temos en Galicia”.

Carmen Acuña sinala que as explicacións da conselleira de Sanidade, desligando o repunte destas doenzas coa retirada das vacinas, son “desculpas de mal pagador” e un “intento de engano á poboación”.

A razón desta política “temeraria”, explicou, é que o goberno galego retirou un total de 4 millóns de euros do Programa Galego de Vacinación entre 2012 e 2014, un recorte significativo para un programa que conta cunha partida de en torno a 20 millóns de euros anuais.

A conclusión, dixo, é que “o tempo explica que este drástico recorte non correspondía á implantación da compra centralizada, como explicaba a responsable de Sanidade, senón polo recorte no calendario de vacinación, freando as novas incorporacións de vacinas previstas, como a da meninxite B, e mesmo retirando as que xa estaban implantadas.

Dimisión

Ademais, Acuña vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias diante da “fuxida” dos responsables da Consellería de Sanidade, que culminou esta mesa semana coa saída da xerente do Sergas, Nieves Domínguez.

A responsable socialista advirte que as “razóns persoais” que supostamente xustifican cada unha das saídas dos altos cargos da Consellería non agochan un proceso xeralizado que coincide con “denuncias diarias e queixas masivas da cidadanía, protestas e plantes das e dos profesionais e ata malestar no seo do PP”.

Sinala que, lonxe das xustificacións públicas, o “imparable goteo de altos cargos” non é alleo ás listas de espera “disparadas”, os recortes nos orzamentos, nos recursos humanos e ata nas camas hospitalarias, xunto cos copagos e repagos e toda sorte de privatizacións, “xunto cos nomeamentos a dedo dos cargos e das xefaturas de servizo”.

Estas prácticas, explica, “están acabando co sistema sanitario público e, por iso, non é de estrañar que os responsables e cómplices desa xestión se queiran marchar”.

Si recentemente foi o director xeral de Recursos Económicos quen deixaba o seu posto logo do fracaso das súas “singulares fórmulas de contratación, pendentes dos tribunais”, hoxe foi a xerente do Sergas “parece ser que debido a discrepancias coa conselleira”, algo que “non é de estrañar”, sinala, pola súa “forma de xestionar a sanidade pública galega”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar