A Xunta debe comprometerse coa paralización do ERE de Extel

A Xunta debe comprometerse coa paralización do ERE de Extel

A Xunta debe comprometerse coa paralización do ERE de Extel

O deputado coruñés do PSdeG Juan Manuel Díaz Villoslada vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reclama a mediación da Xunta para deixar sen efecto o ERE posto en marcha pola empresa Extel, que afectaría a 205 traballadores e traballadoras no seu centro de A Coruña.

O responsable socialista presentou esta iniciativa dirixida a manter os postos de traballo deste centro logo dun encontro cos traballadores e os representantes sindicais de UGT no centro e diante do remate, mañá venres, do prazo para negociar un ERE que considera que foi presentado “sen causas xustificadas nin acreditadas”.

Díaz Villoslada lembra que o expediente de regulación de emprego foi presentado “a partir dun simple correo electrónico por parte de Movistar no que lle indicaba que a partir do 1 de outubro o tráfico de chamadas reduciríase”. O resultado, sinala, foi o contrario, xa que non só o tráfico aumentou senón que a empresa do grupo Adecco conseguiu unha adxudicación para atender ao servizo de atención ao cliente de Correos.

Os socialistas galegos levan agora pola vía parlamentaria a demanda que o propio Comité de Empresa lle presentou ao presidente da Xunta o pasado 11 de outubro, reclamando ademais un plan de mellora das condicións do sector a medio e longo prazo para garantir o mantemento e progresión na Coruña e evitar o seu traslado.

Esíxenlle ademais garantías para que as compañías de atención telefónica manteñan os servizos ao cliente dende o seu centro galego “garantindo o respecto ao dereito a expresarse e recibir atención en lingua galega”.

Díaz Villoslada lembra a preocupación do Comité de empresa diante dun posible traslado da carga de traballo detraída de A Coruña a “outra empresa do sector en España ou ben á súa deslocalización cara outros países onde asm condicións laborais son aínda máis indignas das que padecen aquí e sen ningún amparo das leis de protección de datos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar