A Xunta debe asumir a recomposición de mulleres e nenas vítimas de mutilación xenital

A Xunta debe asumir a recomposición de mulleres e nenas vítimas de mutilación xenital

Carmen AcuñaA portavoz de Sanidade e Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, reclamoulle hoxe ao Sergas que asuma a recomposición xenital de mulleres e nenas que teñan sido vítimas de mutilacións. A deputada socialista presentou unha pregunta neste sentido na Comisión de Sanidade celebrada hoxe no Parlamento, con motivo do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, o pasado 6 de febreiro.

A deputada socialista demandou a incorporación de protocolos de actuación para a detección, prevención e tratamento destas prácticas, cada vez menos alleas debido á mestizaxe cultural e aos fortes movementos migratorios. Lembrou que, de acordo coa ONU, actualmente hai 125 millóns de casos de mulleres vítimas destas prácticas culturais e relixiosas intolerables e que cada ano afectan a 3 millóns de mulleres e nenas.

Acuña chamou a “poñer en alerta” aos servizos públicos galegos para afrontar legal, social e sanitariamente estes casos que constitúen “unha forma máis de violencia contra a muller” que “é moi posible que haxa, hoxe mesmo e entre nós, algunha muller ou nena nesta situación”.

Esta práctica, engade a deputada socialista, “reflexa unha profunda desigualdade e viola asemade os dereitos á saúde, á seguridade e á integridade física, o dereito a non ser sometida a torturas e tratos crueis inhumanos ou degradantes e incluso o dereito á vida, posto que mesmo pode acabar provocando a morte da vítima”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar