A Xunta de Feijóo ten protagonizado "a peor axenda exterior da nosa historia"

A Xunta de Feijóo ten protagonizado "a peor axenda exterior da nosa historia"

A Xunta de Feijóo ten protagonizado “a peor axenda exterior da nosa historia”

A portavoz de Política Exterior do Grupo Socialista, Noela Blanco, criticou hoxe a “falla de planificación, obxectivos e resultados” na axenda exterior do goberno galego. Na comparecencia en Comisión do secretario xeral de Política Xeral, criticou a nula repercusión positiva para Galicia das viaxes institucionais do presidente da Xunta.

A deputada socialista cualificou a axenda de viaxes do goberno galego de “excursións a conta do erario público” dirixidas a “destinos turísticos selectos nos que luce o pleno verán”, como único obxectivo do que “con diferenza o que foi ata agora o peor goberno en materia de relacións exteriores da nosa historia”.

Blanco criticou que o presidente da Xunta se negara a dar a cara “nin unha soa vez” diante do Parlamento do fiasco da súa axenda exterior, a diferenza o seu predecesor, o socialista Emilio Pérez Touriño, que comparecía no Parlamento “despois de cada viaxe”.

En concreto, criticou a ausencia de Galicia no proceso de apertura de Cuba, ao que España “foi o derradeiro país en chegar” desoíndo os fortes vencellos históricos coa illa caribeña. O mesmo dixo dos presuntos contactos do presidente da Xunta con Panamá, nunha viaxe que continúa a ser “un dos segredos mellor gardados deste goberno, aínda non sabemos para qué foi alá”.

Emigrantes

Engadiu que as “viaxes permanentes” da Secretaría de Emigración “non tapan a ausencia clamorosa dunha política de emigración da Xunta de Galicia” obrigada pola redución “á metade” dos orzamentos destinados a esta fin polo goberno socialista. Acusou á Xunta de provocar o “abandono” dos novos emigrantes, os mozos e mozas “que tiveron que emigrar por culpa das súas políticas”, que provocaron un país “deserto de oportunidades”.

Sinalou tamén a importancia de “poñerse do lado da cidadanía” no actual proceso de crise da UE, e “ser conscientes que perciben unha Unión pechada, insolidaria e deshumanizada que nada ten que ver con aquela UE dos seus inicios, coa que moitas e moitos crecemos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar