A Xunta de Feijóo fai das Urxencias sanitarias un almacén de doentes

A Xunta de Feijóo fai das Urxencias sanitarias un almacén de doentes

A Xunta de Feijóo fai das Urxencias sanitarias un almacén de doentes

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, lamentou o voto en contra do PP a unha moción socialista para reforzar os servizos de urxencias hospitalarias nos centros galegos. A responsable socialista esixiulle ao goberno galego unha batería de medidas para evitar sucesos como o falecemento dunha paciente mentres esperaba a ser atendida no Hospital de Vigo.

Acuña denunciou que o PP “pretende facer coa falecida no Hospital de Vigo o mesmo que coas fotos de Feijóo –co narcotraficante Marcial Dorado-: ocultar e mentir”. Criticou que “pretenden que creamos que o están a facer moi ben coa sanidade, pero non poden agochar as mortes nin as denuncias po desatención nin as chamadas dos profesionais diante dunha situación insostible que pode provocar a perda de vidas innecesariamente”.

A parlamentaria socialista reclamou “que non haxa camas baleiras mentres a xente está hacinada en urxencias en situacións dantescas” e acusounos de facer dos servizos de urxencias almacéns de doentes taponando a entrada dos hospitais”. Dixo que a Xunta “non quere que os servizos de urxencias conten con persoal adecuado e ben dimensionado, coa formación adecuada e con contratos acaídos”.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego “os recursos humanos, materiais e estruturais adecuados para garantir unha atención sanitaria de calidade e sen demoras” ademais de definir os reforzos correspondentes aos repuntes estacionais. Os socialistas galegos reclaman valoracións dos doentes en espera cada 30 minutos –as coñecidas como triaxes- mentres non teñan sido atendidos.

Acuña insta ao goberno galego garantías para que ningún doente de urxencias permaneza en observación mais de 24 horas, e “así mesmo, nunca poderá haber camas libres nalgún dos centros dun complexo hospitalario mentres haxa colapso no servizo de urxencias”.

Reformas estruturais

A través desta iniciativa, reclamou “iniciar de forma inmediata as reformas estruturais necesarias para que todos os complexos hospitalarios públicos galegos conten cos espazos adecuados e dotados dos profesionais necesarios para prestar a atención e a observación de urxencia digna e de calidade”.

O obxectivo, explica nesta proposta, é “humanizar todos estes servizos tanto no relativo á estancia e atención dos doentes, como na información facilitada aos seus familiares e acompañantes”. Ademais, solicita unificar estes protocolos en toda a rede Sergas, mentres o goberno enceta campañas informativas periódicas entre a poboación para a utilización correcta e escalonada dos servizos de urxencias.

Acuña propuxo ademais que o goberno galego recupere o Plan de mellora de Atención Primaria “para aumentar a capacidade resolutiva nese nivel” , así como “facilitar a incorporación de profesionais adecuadamente formados, a través de contratos laborais dignos que proporcionen continuidade e estabilidade ao cadro de persoal”, ademais dunha bolsa de profesionais “preparados para realizar reforzos e traslados urxentes”.

Opacidade

A responsable de Sanidade do Grupo Socialista lamentou a “opacidade” amosada polo goberno galego, que “elude sistematicamente explicar diante da Cámara autonómica a situación real dos servizos de urxencias galegos”. Dixo que esta actitude “revela ou ben unha lamentable falla de respecto cara o Parlamento de Galicia ou ben que a Xunta ten algo grave que agochar con respecto á atención sanitaria”.

Por este motivo, Acuña incluíu nesta iniciativa a solicitude de información ao Goberno galego sobre a situación deste servizo, e nomeadamente sobre os protocolos que seguen os centros sanitarios da Comunidade Autónoma para atender aos doentes de urxencias.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar