A Xunta cobra "de mais" polo canon da auga nos recibos do último trimestre de 2012

A Xunta cobra "de mais" polo canon da auga nos recibos do último trimestre de 2012

A Xunta cobra "de mais" polo canon da auga nos recibos do último trimestre de 2012

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, advertiu no Parlamento que a Xunta ten cobrado “de mais” polo canon da auga nos recibos do último trimestre de 2012. Así o dixo no debate dunha interpelación ao goberno galego na que denunciou o “incremento encuberto das tarifas da auga” a través da Lei de Augas elaborada “unicamente con ánimo recadatorio”.

Vilán lembrou que o goberno galego xa aplica, na maioría dos recibos da auga, dous novos tributos, denominados “canon da auga” e “coeficiente de vertedura”, regulados no Regulamento de xuño de 2012 que desenvolve a Lei de Augas, para “converter a auga nun negocio especulativo mais”. Acusou ao goberno galego de “desvincularse do compromiso internacional de blindar a auga fronte á súa mercantilización.

A parlamentaria socialista amosou no Pleno do Parlamento unha factura propia, expedida en Pontevedra a 13 de decembro de 2012, que incorpora estes dous conceptos malia que o goberno galego teña afirmado que durante o ano 2012 non recadara ningún importe por estes dous tributos. Este é o argumento que pon en evidencia, dixo, que a Xunta “xa cobrou de mais na maioría de recibos no último trimestre de 2012”.

A deputada pontevedresa advertiu que os socialistas galegos veñen denunciando dende o principio que esta Lei produciría un incremento encuberto das tarifas das augas, ademais de que os concellos que carecezan de entidades que xestionen o servizo de auga terán que encargarse de exercer como “recadadores de tributos e asumir as morosidades nos pagos”.

A responsable socialista advertiu do “cobro abusivo” por parte do goberno galego, que promedia vivendas nas que residen tres persoas, presumindo que unha vivenda está habitada por tres persoas “agás que o interesado acredite un número diferente”. Advirte que “en dereito, isto se chama inversión da carga da proba, ao facerse en contra dos usuarios, que son a parte mais débil”.

Ademais, lembra que, en contra do que afirma o goberno galego, o orzamento de Augas de Galicia para 2013 prevé a recadación de 31,8 millóns de euros, co que, tendo en conta que ata abril deste ano se recadaron 11,3 millóns de euros polo canon da auga e outros 619.000 euros polo coeficiente de vertedura, a finais de 2013 a recadación ascenderá a 36 millóns de euros.

Desamortización

Patricia Vilán advertiu que esta “privatización da auga” forma parte dun “calculado proceso de desamortización dos bens públicos”, logo de que o PP teña mercantilizado a costa, nun proceso que “de seguro vai realizar tamén cos montes”. Acusou ao goberno galego de “desposeer aos cidadáns da súa condición de titulares últimos dun patrimonio estratéxico para calquera país”.

A portavoz de Medio Ambiente denunciou que “paso a paso, o PP vai eludindo a súa responsabilidade de garante na custodia da auga como ben público, a súa obriga de salvagardar o interese xeral na súa planificación ambiental, social e económica, entregando tamén a auga ao mercado”.

Sinala que os socialistas teñen asinado unha iniciativa cidadá europea para levar ao Parlamento Europeo unha iniciativa lexislativa popular que exclúa os servizos da auga do ámbito da liberalización garantindo a súa condición de ben público.

Finalizou lembrando a carta escrita en 1854 por un xefe indio ao presidente dos EEUU que lle propuxera mercar as terras, e que remataba dicindo “ensinen aos seus fillos que nós ensinamos aos nosos que a terra é a nosa nai. Todo o que lle ocorra á terra lle ocorrerá aos fillos da terra. Si os homes chuspen no chan, chúspense a si mesmos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar