"A Xunta busca o descarrilamento da construcción do AVE a Galicia"

"A Xunta busca o descarrilamento da construcción do AVE a Galicia"

"A Xunta busca o descarrilamento da construcción do AVE a Galicia"

O portavoz de Obras Públicas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Pablo López Vidal, acusou á Xunta de “buscar o descarrilamento da construción do AVE a Galicia”. Na comparecencia do conselleiro de Infraestruturas no Parlamento sobre a infraestrutura de Fomento, acusounos de representar “o peor da política tendenciosa e especulativa”.

López Vidal dixo que a Xunta quere “sementar confusión e desconcerto” diante dun compromiso que “vai sobre a toda velocidade” para agochar o incumprimento dos compromisos da Xunta como a VAC Costa Norte ou Tui – A Guarda, o corredor Nadela – Sarria – Monforte ou a autovía do Baixo Miño. Dixo así que “o verdadeiro perigo” para o incumprimento deste compromiso é “que chegue o PP ao goberno central”.

Dixo que “volve o tempo da incompetencia” xa que mentres o conselleiro se amosa “incompetente” para dar conta das súas propias actuacións reclama uns falsos retrasos ao Goberno central “cando o único que tiñan que facer dende a Xunta era os estudos de impacto medioambiental e foi co que tivemos problemas e provocaron retrasos”.

Criticou a comparecencia de hoxe, que cualificou de “burla ás institucións democráticas” e “falla de respecto intolerable” por canto “forzan unha Comisión Extraordinaria para atacar ao Goberno” cunha actuación que “vai a todo tren”. Criticou que mentres a Comisión de Seguimento entre o Goberno e a Xunta xa celebrou 12 xuntanzas, a Xunta teña rexeitado 40 solicitudes de comparecencia sobre infraestruturas emitidas polos socialistas.

Acusou á Xunta de incumprir o compromiso asinado co Ministerio de Fomento para garantir a “mutua lealdade, o diálogo, o entendemento e a concertación” ao criticar con informes falsos un proceso de execución que “estase a cumprir día a día”. Lembrou que o obxectivo para o 10 de decembro é poñer en marcha a liña Ourense – Santiago – A Coruña, en 2012 o eixo atlántico e en 2015 a conexión coa Meseta.

Dixo que a Xunta de tentar de provocar “medo” sobre estas execucións en contra dos datos, xa que o pasado xoves foron presentadas 3 ofertas de montaxe e mantemento entre Olmedo e Santiago -647,3 millóns de euros-, o sábado 3 ofertas de instalacións de enerxía por 567,8 millóns de euros e onte luns o Adif recibiu cinco ofertas de instalacións ferroviarias por 1.117,4 millóns de euros.

Lamentou a “irresponsabilidade en termos de país” e o “quebrantamento dos principios de cooperación e lealdade institucional” fronte a un “esforzo sen precedentes” para Galicia. Así, lembrou que mentres entre 1996 e 2003 foron invertidos en Galicia 533 millóns de euros entre 2004 e 2010 esta cifra aumentou ata os 3.500 millóns de euros, aumentando a media anual dende os 686 millóns aos 4.600 co ministro Blanco.
Informe da Xunta

López Vidal advertiu que a Xunta “agochou” ao Parlamento o suposto informe sobre a execución das infraestruturas en contra da regulación destas comparecencias. Dixo que se trata dun “libelo soflamático sen rigor técnico”, con “datos erróneos”, que inclúe “datas de licitacións sen soporte documental”, ofrece “hipóteses descoñecidas” e fai unha análise que “non é realista e non se axusta ás actuacións do Adif”.

Reclamou á Xunta que “non estorbe” diante da construción “dun grande soño de país” que resulta “estratéxico para o futuro da nosa autonomía” e que ten “a garantía dos socialistas hoxe con Zapatero e Blanco e con Rubalcaba mañá”. Mentres, dixo, Rajoy “nunca dixo nada do AVE a Galicia porque quere deixalo parado e non facer nada con el”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar