A Xunta "atenta contra a Dependencia" cambiando servizos por "pagos miserentos"

A Xunta “atenta contra a Dependencia” cambiando servizos por “pagos miserentos”

atención a la dependenciaA portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, revelou hoxe a existencia dunha instrución interna da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta para cambiar os criterios da atención á Dependencia. Nunha Interpelación ao conselleiro, Gallego advertiu que cambian un servizo público polo pago de axudas “pírricas” en concepto de libranzas.

De acordo con esta instrución, o goberno galego “atenta contra a Dependencia” xeneralizando un sistema concibido para axudar ás familias que necesitaran atención para menores ou maiores de 90 anos mentres non dispuxeran do servizo público. Ademais, reducen as axudas drasticamente concedéndolles “axudas miserentas” de tan só 50 ou 60 euros a persoas con pensións de 600.

Gallego presentou este documento como proba da “trampa estatística” do goberno galego para cumprir co seu compromiso de atender a 10.000 dependentes en lista de espera durante 2016 sen aumentar o orzamento. Explicou que o único obxectivo é mellorar as cifras das listas de espera a costa de reducirlles as axudas, logo da reavaliación realizada polo goberno e da imposición dos repagos.

Criticou que “en lugar de facer prazas e servizos públicos están facendo un atentado en toda regra contra a Dependencia porque nunca se atreveron a derrogala”. Explicou que o “grave problema” coa aplicación da Lei en Galicia, a terceira Comunidade Autónoma pola cola nos niveis de desenvolvemento do sistema, deriva de que a Xunta “nin exerce as súas competencias nin reclama o financiamento suficiente do Estado”.

Lembrou que o Goberno central débelle a Galicia 111 millóns de euros de financiamento do sistema da Dependencia que Feijóo nunca lle reclamou a Rajoy e que “agora vailles entrar a febre de reclamar porque están pensando que non van estar no goberno”. A realidade é que “dase a coincidencia política de que non cren na aplicación da Lei e queren desmontala a cachiños”.

Por iso Galicia ten hoxe unha das listas de espera máis altas do Estado, o gasto promedio máis baixo por habitante e a maior ratio de grandes dependentes sen atender. En decembro de 2015, explicou, Galicia tiña 65.495 persoas co dereito recoñecido e só 41.823 beneficiarias, o que da unha lista de espera de 23.672 nun ano no que “só se incorporaron ao sistema 2.819 persoas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar