A Xunta apoia ás grandes enerxéticas en contra do eólico galego

A Xunta apoia ás grandes enerxéticas en contra do eólico galego

eolicoO portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe á Xunta de apoiar sen condicións a política enerxética de Rajoy a favor das grandes enerxéticas e contra todo o sector das enerxías renovables de Galicia. Losada presentou unha proposición non de Lei en Comisión para urxir unha estratexia enerxética propia para Galicia, que foi rexeitada polo PP.

O deputado socialista advertiu que grazas á xestión de Feijóo, mentres as 3 grandes eléctricas gañaron 40.000 millóns de euros no ano pasado, e só Endesa tivo uns beneficios de 1.086 millóns e os seus dividendos para 2016 aumentarán o 35 por cento, o sector das renovables de Galicia permanece “conxelado”.

Criticou a ausencia absoluta dunha estratexia enerxética por parte do goberno de Feijóo, que deixa esmorecer un sector que ata 2009 foi punteiro en Galicia, amosando un sorprendente desleixo fronte á perda irreparable da súa vantaxe competitiva.

Resumiu que a dirección da política económica do goberno central “prexudica os intereses de Galicia e á estrutura económica produtiva desta Comunidade Autónoma”, mentres “a opinión do goberno galego fronte a estes cambios é cero”.

A única actuación de Feijóo, lembrou, foi paralizar o Plan Eólico aprobado polo goberno presidido por Touriño con tempo suficiente para que Rajoy suprimira de golpe as primas ás enerxías renovables. Paralizaba así o desenvolvemento do sector e iniciaba un longo proceso xudicial que levou a que a xustiza rexeitara un concurso eólico que ofrece un saldo de “cero megavatios, cero empregos e cero euros de investimento”.

Proposta

Os socialistas galegos presentaron unha iniciativa parlamentaria para trasladarlle ao goberno central unha “posición contraria á estratexia enerxética de Rajoy” e presentando unha estratexia propia para Galicia.

Losada reclamou ademais a recuperación das primas ás renovables, modificar o procedemento de cálculo do prezo de produción eléctrica para as instalacións do Réxime ordinario e unha nova metodoloxía de cálculo dos custes fixos de produción.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar