O deputado socialista Luis Álvarez levou hoxe ao Pleno do Parlamento a decisión da Xunta de anular “sen avisar” o convenio de retrocesión dos usos do Vello Xeral de Lugo. Álvarez presentou unha pregunta oral sobre esta decisión que tomou o Consello da Xunta o pasado 31 de maio sen publicidade e que paraliza “de facto” tódolos proxectos comprometidos que non teñan uso sanitario.
O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “deixe de culpar ao Concello de Lugo” e esixiulle “acreditación documental que explique por que se retrotrae o expediente” así como as súas consecuencias reais. Acusou á Xunta de deixar sen efecto o convenio asinado co goberno central en xullo de 2017 para dotar de novos servizos ao Barrio da Residencia.
Acusou á Xunta de renunciar así a facer a oficina de emprego, a planta de distribución de biomasa, o centro de emprendemento aeronáutico nin a comisaría que prometeu o PP. Estes novos proxectos só serían posibles de darlle continuidade ao protocolo asinado no setembro pasado coa entón ministra de Emprego, que obrigaba á Xunta a tramitar un expediente de retrocesión patrimonial das instalacións a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social
Aínda que o prazo establecido para a dita retrocesión era de un mes, a Xunta tardou seis en acordar a retrocesión do pavillón xeral -25 de xaneiro- e oito en facer o propio co edificio da Escola de Enfermaría -8 de marzo-. Finalmente, o 31 de maio, e agochando a decisión deliberadamente á opinión pública, o Consello da Xunta acorda deixar sen efecto os dous acordos.
Castigo
O parlamentario socialista lamentou o “castigo permanente” dos gobernos do PP á cidade de Lugo, xa que “como non son quen de acadar o goberno municipal utilizan estratexias dos gobernos autonómicos e centrais para deixar á cidade no limbo do abandono.
Citou así á Intermodal de Lugo, “laminada”entre os gobernos de Rajoy e Feijóo, así como o Cuartel de San Fernando, o Museo da Romanización, o servizo de Hemodinámica 24 horas, o Barrio da Tinería ou o Plan Paradai, todos eles bloqueados polo goberno galego.