A xestión sanitaria do Goberno de Feijoo está repleta de mentiras e enganos

A xestión sanitaria do Goberno de Feijoo está repleta de mentiras e enganos

A xestión sanitaria do Goberno de Feijoo está repleta de mentiras e enganos

O secretario de Sanidade do PSdeG, Miguel Ángel Fernández, denunciou que a xestión sanitaria do Goberno de Feijóo “está repleta de mentiras e enganos aos galegos e galegas”. Sinalou que estes enganos continúan con promesas electorais como a construcción de centros de saúde e hospitais e cunha axenda oculta para ampliar o copago á determinados servizos básicos a partir do 21 de outubro, entre eles as mamografías e citoloxías.

Fernández  acusou así Feijóo de ser “cómplice de Rajoy” na introducción do copago farmacéutico, que considerou “un imposto aos enfermos”. Lamentou que o Goberno galego alardee dun aforro “cando os que están a asumir o custo dese aforro son os pensionistas galegos, que son ademais os que cobran as pensións máis baixas”.

Amosouse convencido de que o copago na sanidade irá máis alá despois das eleccións galegas. “Rajoy está esperando a que pase o 21 de Outubro para desvelar a súa intención de crear dúas carteiras de servizos: unha básica e outra accesoria, de pago”.

“Non teño ningunha dúbida de que, dentro da axenda oculta do PP, atópase rematar coa universalidade e equidade do sistema sanitario público, e isto incluirá o copago de determinados servizos tan importantes para a detección de enfermidades como son as mamografías ou as citoloxías”, apuntou.

“Dentro de pouco nos dirán que temos que pagar unha cantidade de diñeiro por estar cada día no hospital”, sinalou.

Hospitais e Centros de Saúde

Fernández acusou a Feijóo de enganar á cidadanía prometendo a construcción de novos centros de saúde: “Primeiro falou de 60, despois de 30, e agora de 15, e ven de anunciar que destinará 11 millóns de euros para a licitación conxunta do Hospital do Salnés e destes 15 centros de saúde, mentres no DOG do 10 de Agosto, o que se publica é a próxima adxudicación da subministración enerxética e a redacción de proxecto”.

“O engano está en que ademais se contrata a enerxía para oito anos dende a posta en marcha dos centros de saúde, e cun investimento de 407.000 euros para a redacción de proxectos e 7.700.000 para subministro de enerxía”, con cargo a fondos da UE e cun convenio co Ministerio de Agricultura.

Sinalou ademais que isto non garante a construcción de todos os centros de saúde proxectados, e que ademais existe unha cláusula que di que cantos menos centros se constrúan máis se lle pagará proporcionalmente á empresa por mantemento e enerxía.

Na mesma liña, lembrou que Feijóo ven de anunciar a inauguración de catro novos hospitais na vindeira lexislatura, o que considerou unha “tomadura de pelo” e “outro engano de Feijóo, que en tres anos non foi capaz de facer ningún novo proxecto e agora anuncia 15 centros de saúde e catro hospitais ás portas das eleccións”.

O socialista lamentou as mentiras do Goberno de Feijóo respecto aos hospitais, e incidiu nos casos dos de Lugo e Vigo. “Feijóo incumpriu a palabra dada aos lucenses, xa que en tres anos foi incapaz de abrir os servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica cardíaca, despois de ter prometido ata tres prazos diferentes”. Lembrou que “incumpriu ademais unha proposición de lei aprobada no Parlamento que obrigaba a poñelos en marcha como moi tarde en abril deste ano”.

Respecto ao Hospital de Vigo, sinalou que “Feijóo é o primeiro presidente que privatiza un centro sanitario da rede pública galega, entregándollo a unha empresa privada por 1.300 millóns de euros e hipotecando a sanidade pública por 20 anos”.

Entre as promesas incumpridas de Feijóo destacou a aprobación da Lei de Garantías de Prestación e a carteira de Servizos do Sergas, establecendo máximos de demora de 45 días para probas diagnósticas e de 60 para intervencións cirúrxicas. “Hoxe hai más de 250.000 galegos e galegas en lista de espera; e ademais hai 3.641 persoas máis esperando por unha intervención que teñen que esperar 16 días máis que hai tres anos para ser intervidos”, recalcou.

Criticou ademais que o Goberno de Feijóo non estableceu ningunha medida para priorizar a pacientes sen diagnóstico, pese ao compromiso adquirido, nin chegou a cumprir a promesa de “espera cero” en pacientes con cancro. Insistiu ademais no incumprimento respecto ás unidades de atención integral da muller “xa que non só non puxeron en marcha ningunha, senón que as conselleiras Farjas e Mosquera cargáronse o Plan Integral de Atención á Muller, que era un referente a nivel estatal”.

Fernández criticou especialmente o trato aos profesionais da sanidade pública “xa que despois de comprometerse a garantir unha política de persoal que impulsase a estabilidade laboral, despediu a centos de interinos e empeorou as condicións laborais do persoal e rachou os acordos asinados con traballadores e sociedades científicas nos plans de mellora de atención primaria”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar