A xestión sanitaria de Feijóo, a exame no próximo Pleno do Parlamento

A xestión sanitaria de Feijóo, a exame no próximo Pleno do Parlamento

A xestión sanitaria de Feijóo, a exame no próximo Pleno do Parlamento

A portavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta no balance da política sanitaria do goberno galego. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces, que hoxe acordou a orde do día do Pleno da próxima semana, o último do período de sesións.

A responsable socialista adiantou que a pregunta ao presidente tratará da xestión da sanidade pública e o impacto dos recortes aplicados polos gobernos de Feijóo “máis que falar da maquillaxe que supuxo o cambio dunha conselleira por un conselleiro que pretende pasar sen pena nin gloria”.

A sesión incluirá tamén o debate dunha interpelación dos socialistas dentro da mesma política sanitaria, desta volta para preguntarlle ao goberno galego pola aplicación da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. Os socialistas levan esta iniciativa logo da evidente desatención ás mulleres que precisan tomar esta decisión e non poden levala a cabo nunhas mínimas condicións nos hospitais de Galicia.

Vilán considera tamén unha “mágoa” o veto do PP á proposta de comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da súa política laboral, que levou a que o 93,44 por cento dos contratos asinados en Galicia sexan temporais, ademais de ter 70.000 afiliados á Seguridade Social menos que en 2009. Lembrou que os fogares que chegan con dificultades a fin de mes volveron a aumentar, ata chegar ao 9,5 por cento.

Memoria Histórica

O PP vetou tamén a solicitude do Grupo Socialista de crear unha Comisión de Estudo da Memoria Histórica en Galicia cando o próximo 18 de xullo farán precisamente 80 anos do golpe de Estado que derivou no franquismo. Vilán sinalou que “as vítimas, os falecidos e falecidas e as súas familias merecen como mínimo unha política de xestos que o PP non está disposto a permitir”.

O próximo Pleno incluirá tamén dúas mocións socialistas sobre a diminución do persoal docente e investigador no Sistema Universitario de Galicia e sobre as medidas necesarias para incentivar a recuperación demográfica de Galicia. Tamén incluirá dúas proposicións non de Lei sobre a reforma da Lei de axuizamento criminal e sobre a produción e compravenda de uva nas diferentes denominacións de orixe e a protección do modelo de viticultura de Galicia.

Rematará con dúas preguntas sobre as negociacións do Ministerio de Facenda para dotar dun local de titularidade pública ao Ateneo de Ourense e sobre a finalidade das subvencións para concellos de menos de 10.000 habitantes.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar