A xestión de solo industrial, un dos maiores fiascos de Feijóo

A xestión de solo industrial, un dos maiores fiascos de Feijóo

A xestión de solo industrial, un dos maiores fiascos de Feijóo

Sánchez Bugallo presenta imaxes da Plataforma de Salvaterra convertida nunha lagoa logo de investir 100 millóns de euros.

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, denunciou que a xestión de solo industrial por parte da Xunta de Galicia constitúe “un dos maiores fiascos” do goberno de Feijóo. Sinalou que o goberno galego investiu 500 millóns de euros para comprar e urbanizar uns terreos “nos que pasten as vacas ou que se convertan en lagoas onde poidan estar os patos”.

Sánchez Bugallo presentou imaxes da plataforma de Salvaterra, que lle custou 100 millóns de euros ao goberno galego, convertida “nunha fantástica lagoa para as pitas de auga”. O deputado socialista ironizou co elevado custe do investimento para garantirlle un lugar acaído ás aves acuáticas.

O responsable socialista responsabilizou do “fiasco” á descoordinación entre o conselleiro de Industria e o anterior titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que provocou que no primeiro trimestre de 2014 só se venderan cinco parcelas de solo industrial en toda Galicia. actualmente, a Xunta dispón de 959 parcelas, un total de 2,8 millóns de metros cadrados que non consegue situar no mercado.

Anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias, incluíndo a comparecencia do goberno galego e unha proposta para que a Xunta presente de inmediato un Plan de Xestión do Solo de Galicia e un plan de incentivos para empresas e particulares vencellados que permitan a implantación de empresas e a posta en marcha da actividade económica no solo industrial propio.

Fracaso anunciado

Advertiu do “fracaso anunciado” do Plan de Vendas de Solo Industrial anunciado polo goberno galego en xullo de 2013, que se saldou cunha caída do 30 por cento nas vendas con respecto ao primeiro semestre. Lembrou que dito Plan xa fora criticado no seu momento por “tardío e insuficiente” polos socialistas galegos, ademais de ser un plaxio do Plan vasco encetado 17 anos antes.

Sinalou que mentres no primeiro semestre foron vendidas 18 parcelas cun total de 80.757 metros cadrados, no segundo semestre, co plan xa en marcha, as vendas se reducían aos 47.524 metros cadrados e 14 parcelas.

Explicou que o fracaso do goberno galego débese aos graves problemas de financiamento que están atopando os empresarios no momento en que os bancos “non dan un só euro de crédito para comprar solo industrial”. Están obrigados así a financiar o chan con fondos propios, co que terminan marchando a Portugal, por canto mentres en Chaves ofrecen solo en aluguer a 6 céntimos e en Minho-park o metro cadrado custa 20 euros, na Sionlla –Compostela- o prezo chegou aos 207 euros por metro.

Inmoralidade intolerable

O deputados socialista cualificou de “inmoralidade intolerable” que as empresas galegas teñan que ir a Portugal cando o goberno galego dispón de 2,8 millóns de metros cadrados -6 millón sumándolle o polígono de Salvaterra e o Porto Seco de Monforte.

Acusou ao goberno galego de tentar de agochar o problema financeiro das xestures, co que utiliza o solo industrial “como activo” e impide baixar o prezo para sacar beneficio “en lugar de utilizalo como mecanismo de impulso da actividade empresarial e polo tanto de creación de emprego e para acadar en suma un beneficio económico para toda Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar