A violencia de xénero, problema de Estado

A violencia de xénero, problema de Estado

A violencia de xénero, problema de Estado

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reclamou hoxe elevar a violencia de xénero ata a consideración de Problema de Estado para concederlle “prioridade no reparto de recursos económicos”. A responsable socialista interveu no debate do documento elaborado pola Ponencia en relación co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, hoxe na Comisión de Igualdade e Dereitos das Mulleres na Cámara autonómica.

A responsable socialista Dixo que “é preciso solicitar o aumento dos recursos económicos, e non reducilos, como aconteceu este ano no ámbito estatal”, xa que “sen este impulso firme económico moito tememos que todo o aquí consensuado quede en papel mollado”. Pierres puxo o acento sobre a necesidade de mellorar o apoio ás vítimas con medios “materiais e económicos”.

Alertou que hoxe “algúns xulgados non teñen cartos nin para contar cun biombo nas súas salas de comparecencias, por non falar dos recursos policiais para a protección das vítimas”. Instou ademais a recoller as propostas dos axentes implicados para conseguir “mellorar os protocolos de atención, prevención e apoio ás vítimas”.

Pierres sinalou que as eivas neste aspecto teñen provocado que “só a metade das mulleres asasinadas do que vai de ano tiñan interposta algunha denuncia”, mentres as outras non, o que “fala do medo a denunciar pola dependencia económica, inseguridade, a eficacia das medidas ou pola revitimización”.

Explicou neste sentido a importancia dun esforzo na “formación dos profesionais que participan durante o proceso de asesoramento, atención, denuncia e trámite” para que “traballen dende a empatía e a asertividade para favorecer un acompañamento non só profesional, senón tamén emocional”.

Observatorio Galego

María Pierres instou ao goberno galego a “reactivar e facer efectivo” o Observatorio Galego de Violencia de Xénero e que facilitaría “unha verdadeira perspectiva da aplicación das medidas, das carencias e eficacia das mesmas”. Aludiu así ás propostas do I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, que a día de hoxe non acadaron unha aplicación real.

Estas propostas estaban dirixidas á educación como “verdadeira táboa de salvación para este problema” e para rachar coa perspectiva “errónea” de inferioridade coa que medran moitas nenas, tan equivocada como a perspectiva de superioridade coa que medran os nenos.

Chamou a utilizar os programas educativos para rachar cos estereotipos cos que medran os menores, utilizando a “coeducación” como “unha das canles para a transmisión de valores, e mediante a cal se leve a cabo unha verdadeira transformación social na que o xénero non sexa un motivo de discriminación, e que faga especial fincapé no grave problema social da violencia de xénero”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar