A trampa de Feijóo nas axudas á Dependencia

A trampa de Feijóo nas axudas á Dependencia

Carmen GallegoA portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe a Feijóo de facer “trampa” na aplicación da Lei de Dependencia para “provocar que a xente desista” e aforrar así as prestacións. Gallego levará ao Pleno que comeza mañá unha interpelación na que acredita que a Xunta quere pagar retrasos de 5 anos fraccionados en 8 anualidades de 430 euros ata 2023.

A responsable socialista revelou a “trampa” que quere aplicar o goberno galego para facer fronte ao seu compromiso de atender a 10.000 dependentes coa prestación recoñecida e sen recibir axudas pero, explicou, reducindo as prestacións. Dende o 30 decembro, sinala Gallego, a Xunta quere xeneralizar as libranzas por coidados reducindo ademais as axudas á mínima expresión.

Dixo que as axudas para libranzas, concibidas de forma excepcional para axudar mentres carecían dun servizo suficiente, acaba de ser xeneralizado pola Xunta. Así, ao tempo que aumenta os copagos nun 40 por cento reduce as prestacións a través das reavaliacións e pretende conceder unhas axudas insuficientes de 50 ou 60 euros para coidar a persoas con pensións que roldan os 600 euros e así “provocar que desistan” e baleirar as listas de espera.

Gallego considera “un escándalo” que o goberno galego pretenda “sacar á xente da lista da Dependencia concedéndolles prestacións ridículas e insuficientes”. Acusou a Feijóo de buscar que “as mulleres exerzamos de novo como coidadoras sen cotizar á Seguridade Social, cun traballo precario e volvendo ao eido do fogar”.

Criticou que utilicen a crise económica “para facer unha sociedade máis desigual” situando a Galicia moi por debaixo do Estado en gasto por habitante na atención á dependencia -88,67 euros fronte aos 104 da media-. O goberno galego, dixo, ten ao 41 por cento das persoas coa prestación recoñecida sen recibila, o coñecido como “limbo” da Dependencia, ata o punto de que 9.000 morreron á espera dende 2009.

Casos acreditados

Como mostra desta situación, a deputada socialista fixo público na rolda de prensa o caso dunha persoa usuaria da Dependencia, co dereito recoñecido dende 2011 á que a Xunta lle adebeda 3.441 euros polo pago das libranzas atrasadas. Explicou que a resposta do Goberno galego á hora de comezar a pagar os atrasos é precisamente fraccionalos ata o ano 2026 a razón de 430 euros ao ano.

Gallego criticou que a Xunta queira aplicar un sistema “moito máis sinxelo, fácil e barato” a costa de reducir as prestacións e a atención pública a estas persoas, en lugar de dispor das prazas públicas necesarias.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar