A tenente de alcalde de Cangas vota no Parlamento "a favor do seu partido e en contra do Morrazo"

A tenente de alcalde de Cangas vota no Parlamento "a favor do seu partido e en contra do Morrazo"

A deputada socialista Carmen Gallego acusou hoxe ao PP de votar “unicamente a favor do seu partido e en contra dos veciños e das veciñas do Morrazo”. Así o dixo en resposta ao veto do grupo maioritario, incluída a deputada do Morrazo e tenente de alcalde de Cangas, Berta Pérez, a unha proposta socialista para encetar un plan de obra pública que cumpra coas actuacións comprometidas na comarca.

A deputada socialista sinalou con ironía que a conselleira de Territorio escollera o mesmo día do debate da iniciativa socialista para visitar Cangas por primeira vez e anunciara o desdobramento do corredor do Morrazo, publicado no DOG dende 2013 cun prazo de 18 meses que remata no próximo mes de marzo.

Dixo que “o compromiso do PP coa comarca do Morrazo é francamente inexistente”, salvo polos anuncios baleiros de contido que presentan cada vez que se achegan as eleccións. Lembrou que os proxectos e as declaracións de impacto medioambiental das variantes de Cangas e Moaña e o desdobramento do corredor foron publicados con orzamentos e prazos en 2008 polo goberno de Touriño, sen que a día de hoxe non se iniciaran as obras.

Acusou ao goberno galego de ofrecer “un rosario de desculpas para retrasar sine die o desdobramento” que foi solicitado polos socialistas galegos dende antes da construción da infraestrutura para salvar os atascos quilométricos e mellorar a seguridade dunha vía perigosa que xa suma varios sinistros mortais.

Malia a visita da conselleira, dixo, “nada sabemos da conexión da Ponte de Rande co desdobramento nin qué pasa coa rotonda de conexión coa N-554 que acumula colas quilométricas nas horas punta. Os socialistas galegos reclamaron así que o desdobramento sexa construído en paralelo ás variantes de Cangas, Moaña e Bueu, ademais de obter a titularidade dunha N-554 que suma 9 rotondas en 9 quilómetros.

A proposta socialista incluía a construción dos centros de saúde de Aldán – Hío, Marín e Moaña e o Centro de Alta Resolución do Morrazo. Lembrou que o centro de saúde de Marín foi obxecto dun convenio entre a Xunta e o Concello a comezos de 2009 sen que a día de hoxe se teña iniciado nin sequera o desmonte das terras para construílo.

O centro de Aldán – Hío ten os terreos a disposición do goberno galego dende 2008, sen que teña sido construído malia os “remendos do alcalde para tapar a desazón da cidadanía e as demandas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública”. O centro de saúde de Moaña é “inexistente”, ao igual que o CAR do Morrazo, única porta de entrada na sanidade pública duns veciños condenados a ser desviados a un hospital privado.

O mesmo sucede cos centros públicos de educación de Vilaboa, Moaña, Cangas e Bueu, que requiren unha imprescindible actuación do goberno para a súa reparación e modernización, mentres “o único que fai o PP e Feijóo co Morrazo é unha campaña de publicidade e propaganda cada vez que hai un proceso electoral, cando organizan un desfile de conselleiros anunciando boas novas que fican esquecidas ata os próximos comicios”.

O PP trouxo nada

A deputada socialista sinalou que o PP “trouxo nada” en seis anos de goberno, nos que pasou dos 27,7 millóns de euros orzamentados polo goberno presidido polo socialista Touriño a uns “escasos 4,2 millóns de euros” que orzamentou Feijóo para o ano 2015, incluíndo 2,1 para o desdobramento do Corredor, que “xa sabemos que non serán executados, como non o foron nos anos anteriores.

O mesmo camiño seguiron as infraestruturas portuarias, contrastando as actuacións en Cangas, Bueu e Moaña do goberno de Touriño á “nada” con Feijoó. Tampouco continuou co abastecemento de auga de Vigo a Moaña, comprometido e iniciado polo anterior goberno e que derivou na “chapuza monumental de Feijóo”, que 6 anos despois “non puxo en marcha”.

A única actuación, dixo, é o parque eólico Pedras Negras, para o que van destrozar a ladeira dos montes do Morrazo e ten en contra a tódolos veciños e veciñas da comarca.

O único que fai Feijóo, continuou, é “recortar profesionais nos centros de saúde, non construír os novos centros e non investir nas competencias propias da Xunta de Galicia”, mentres os alcaldes do PP vense obrigados a aprobar iniciativas esixindo investimentos e botando en cara a Feijóo o retraso acumulado de 6 anos nas actuacións.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar